Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un ancián mata unha traballadora social que coidaba a súa muller nunha casa do Porriño

Un ancián mata unha traballadora social que coidaba a súa muller nunha casa do Porriño

Atopárono no lugar, con manchas de sangue, desorientado e falando de xeito incoherente

O concello decreta dous días de loito

G24.gal 29/07/2025 15:09 Última actualización 29/07/2025 21:29

A Garda Civil investiga a morte dunha muller de 48 anos no Porriño que exercía como traballadora do servizo de axuda no fogar.

Fontes da investigación informaron de que a muller apareceu morta nun dos domicilios que atendía.

O autor foi o home da anciá que a vítima atendía nunha casa na parroquia de Atios. O home foi arrestado e trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro para unha avaliación psiquiátrica.

As mesmas fontes indicaron que a arma utilizada para o crime sería un machada ou outro obxecto similar, aínda que están en marcha as tarefas de investigación.

A vítima faltaba desde este luns, o que motivou a investigación que deu co achado do corpo.

O subdelegado do Goberno en Galicia, Abel Losada, sinalou que o presunto autor do crime foi atopado no lugar, con manchas de sangue e desorientado, mentres realizaba manifestacións incoherentes.

Segundo indicou nun audio remitido aos medios de comunicación, a morte violenta produciuse a primeira hora da mañá e a vítima, veciña do municipio de Mos (Pontevedra), era traballadora do servizo de axuda no fogar do Concello no Porriño.

O corpo da falecida presentaba un golpe na cabeza e ela non figuraba na base de datos de VioGen, polo que, "con todas as cautelas, non hai ningún indicio que apunte á violencia machista como causa dos feitos", precisou Losada.

 

O Concello do Porriño decretou dous días de loito oficial

O alcalde, Alejandro Lorenzo, anunciou a medida despois de gardar un minuto de silencio nunha concentración que se convocou ás oito da tarde deste martes diante da casa consistorial, nun acto que reuniu familiares, amizades, compañeiras e veciñanza da vítima.

Na homenaxe tamén estiveron presentes a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xa que a vítima, Teresa, era natural dese municipio.

Tras o minuto de silencio, seguido dun longo aplauso, o rexedor do Porriño expresou o seu pesar pola perda: “É un día moi triste para todo o Concello e para o pobo do Porriño. Queremos transmitir o noso pésame á familia, que está vivindo momentos moi duros”.

A alcaldesa de Mos, pola súa banda, manifestou o seu “máis profundo pésame” ao Porriño, ao que definiu como un “pobo irmán”. Subliñou que Teresa era unha muller “moza” que estaba a facer o seu traballo diario e declarou: “Estamos consternados”.

En nome da Xunta de Galicia, Fabiola García condenou con firmeza o “asasinato” de Teresa e trasladou as súas condolencias á familia.

Indicou que a Consellería puxo en marcha todos os mecanismos de apoio social e psicolóxico para a familia e tamén para a muller dependente que atendía Teresa, quen ingresará nun centro residencial 24 horas para recibir os coidados necesarios.

Segundo a conselleira, non existía constancia de denuncias previas por parte da vítima.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade