Cheo nas residencias caninas durante as vacacións de verán
As dificultades para viaxar con animais obrigan os donos a buscar solucións alternativas para as súas mascotas
As residencias son para os animais, tamén, unhas vacacións nas que saen das súas rutinas e conviven con outros cans
Javier, o dono da gardería canina de Coles, coñéceos a todos polo nome. Non son os seus cans, pero coma se o foran. Durante o tempo que permanecen ao seu coidado, é el quen os alimenta, os coida e os entretén con xogos e paseos. Documéntao con vídeos para os donos.
"Xogo cos carácteres dos cans, cos tamaños... non os solto todos xuntos para que non haxa problemas", explica Javier Vázquez.
Entre xullo e setembro ten as catorce prazas ocupadas, só queda algún día solto entre semana, e tivo que rexeitar solicitudes. Para os cans, di, tamén son unhas vacacións.
"O can necesita cheirar, xogar, contacto cos demais... igual ca nós", asegura o dono da gardería.
Os prezos varían dependendo das necesidades de cada animal. Hai dúas tarifas, entre 17 e 25 euros a noite, con maior rebaixa cantas máis noites se contraten. Os cans que requiren coidados especiais, saen máis caros. "Teñen outra tarifa porque eu dedícolles tempo á parte, a eles sós", subliña.
Un servizo que se disparou nos últimos anos para dar resposta á elevada demanda, especialmente na época estival, pero tamén o resto do ano.