Publicador de contidos
Publicador de contidos

Decepción no regreso dos rañeiros de Vilanova, continúa a escaseza de ameixa comercial

Decepción no regreso dos rañeiros de Vilanova, continúa a escaseza de ameixa comercial

Non lograron xuntar nin un quilo de ameixa babosa entre 29 embarcacións

Se seguen así, pedirán o cesamento de actividade, como as mariscadoras de a pé

G24.gal 09/04/2024 14:26

Levaban sen traballar desde o Nadal, e o regreso ao mar non puido ser máis decepcionante. Ameixas mortas e raños practicamente baleiros baixo a ponte da Illa de Arousa.

"Quixeron ver o que había, e entre 29 só deron xuntado 750 gramos de babosa e un quilo de fina, entre todas as embarcacións", lamenta Lino Díaz, o patrón maior de Vilanova.

"Non hai fina nin babosa e a xaponesa é escasa e pequena, a grande morreu, non hai talle comercial. Temos seis praias e tres están pechadas", di Juan José Alonso, un dos mariscadores.

A escaseza fai que na lonxa suban os prezos, a 50 euros o quilo de fina, 25 o de babosa e entre 18 e 24 o de xaponesa. Pero as contas non saen entre os rañeiros, que na primeira xornada de traballo obtiveron unha media de 40 euros de ingresos.

"Hai xente que gañou 30 euros, por moito que soba a cotización se non hai cantidade non compensa", comenta Juan José.

"Tiñamos que estar gañando uns 100 euros nestas datas e seguir traballando ata setembro, pero non hai nada", explica Lino. 

A única esperanza esta posta na cría. As mostraxes detectaron recrutamento nos bancos da confraría. Pero o consello dos técnicos é que non se traballe nesas zonas polo momento.

"Non recomendan abrir nesas zonas porque hai moita ameixa pequena e podes matala, estragas as futuras campañas", di Juan José.

"Eu creo que o mar chegou ao límite: auga doce, sobreexplotación, residuos... a situación explotou", engade Lino.

Din que a situación é crítica, e o máis probable é que pidan un cesamento de actividade, como as mariscadoras de a pé. Así, din, non se pode traballar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade