Máis de 250 mariscadores volveron ao traballo na ría de Pontevedra despois do paro pola presenza dunha toxina
Máis de 250 mariscadores volveron ao traballo na ría de Pontevedra despois do paro pola presenza dunha toxina
O paro, que durou aproximadamente dúas semanas, debeuse á presenza de toxina lipofílica nalgunhas zonas da ría de Pontevedra
Os mariscadores comezaron a recoller xa materia prima para a Festa da Ameixa de Campelo e para volver á lonxa co seu produto
Volveron cunha cota de recollida de cinco quilos e cunha ameixa, din, tirando a pequena na zona da praia de Cabeceira, en Poio
Máis de 250 mariscadores volveron hoxe ao seu traballo despois dun pequeno paro ao detectar a presenza de toxina lipofílica en zonas da ría de Pontevedra. Volveron despois de que as análises das mostras realizadas o luns amosaran resultados baixos, e fixéronos cunha cota de recollida e cunha ameixa tirando a pequenas, segundo nos comentan, na zona da praia de Cabeceira, en Poio.
Os propios mariscadores mostran unha certa incerteza respecto ao prezo ao que vai saír ao mercado, pero, tendo en conta, din, o bo prezo ao que estaba a ameixa, confían en recuperar dalgún xeito o tempo perdido estes días.
O sector confía en que este episodio de marea vermella por toxina lipofílica non se repita polo momento e en que a reapertura sexa definitiva, tras a falsa alarma da semana pasada, cando tiveron que volver parar xusto despois de levantarse o peche cautelar que se iniciara uns días antes.