De Coles a Piñor de Cea, un percorrido pola estrada máis perigosa de Galicia
Un informe do RACE sitúa este treito da estrada Nacional 525 entre os puntos vermellos da rede estatal
Galicia é a cuarta comunidade cunha maior taxa de treitos perigosos nas estradas, segundo o último informe do Real Automóbil Club de España, (RACE), que só analiza a rede viaria do Estado.
O maior índice de risco está na Nacional 525 entre Coles e Piñor de Cea, en Ourense. A continuación, na Nacional VI entre Rábade e Begonte, e na Nacional 640 entre Antas de Ulla e Monterroso, en Lugo.
Nos seguintes postos atopamos dous treitos de Pontevedra: a Nacional 640 entre O Foxo e A Estrada, e a Nacional 541 de Cerdedo a Sacos, onde foi o accidente de autobús que deixou sete falecidos en Noiteboa.

O punto vermello que lidera esta listaxe, ese treito que vai de Coles a Piñor de Cea, considérase o noveno máis perigoso de toda España. No período que analiza o RACE, entre 2019 e 2021, houbo alí cinco accidentes graves.
Esa estrada, considerada a máis perigosa de Galicia, comeza á altura da localidade de Cambeo. Precisamente a instalación hai anos dun radar de treito, o primeiro nunha estrada convencional, eliminou o punto negro que existía uns quilómetros antes, entre Ourense e Gustei.
Os sinistros concéntranse agora dende Cambeo ata Piñor de Cea. Un treito duns 20 quilómetros, en que, segundo o RACE, se rexistraron eses 5 accidentes graves con dous falecidos entre 2019 e 2021.
"Nas estradas convencionais o máis perigoso son as saídas de vía e as colisións frontais polos adiantementos, e neste caso reflícteno as proprias estatísticas da Dirección Xeral de Tráfico" di Benito Bouzada, da Federación de Técnicos de Educación Viaria.
As interseccións a nivel son outros dos perigos, aos que se suman os animais salvaxes.
O treito entre Coles e Vilamarín é o que concentra un maior volume de tráfico, preto de 2.500 vehículos diarios.