Manuel Dávila, o ourive máis veterano de Galicia
Aos seus máis de oitenta anos acaba de crear un retablo que se exhibe na mostra dos ourives de Compostela no pazo de Fonseca
"Isto poderíanse facer cuños para fabricar un cento deles, pero esta é unha peza única, que se vai compoñendo e logo esta parte central é toda repuxada".
Quen o di é Manuel Dávila, ourive compostelán referíndose a unha das súas últimas creacións; un retablo que ideou e creou ao seus 88 anos de idade con toda a experiencia acumulada en décadas de oficio desde os seu tempos de mozo. A docencia tamén ocupou parte da súa vida laboral activa da que fala con gran satisfacción.
"Nunca me preocupou botar horas e horas no taller. A primeira satisfacción é que me deu para gañar para vivir e logo, ver que hai uns cantos traballos que están para o goce do público", di Dávila.
Fixo moitas pezas de ourivería para particulares, pero tamén outras que están integradas no patrimonio artístico de varias igrexas. Do seu taller saíron tamén numerosas pezas e obxectos relixiosos recuperados dos danos ocasionados polo trato inadecuado e o paso do tempo:
"O que realicei moito foron restauracións de pezas de prata antigas; cruces parroquiais, cálices, custodias das igrexas que tiñan deterioración. Pezas de douscentos anos...", sinala Dávila, que lembra a grande axuda da súa muller para lograr deseños de xoias de éxito:
"Tiña o taller e unha tenda pequena onde vendía cousas de fábrica que eu mercaba. E dicíame a muller, eses pendentes gústanme, pero mellor se lle pos un colgante así, así...".
Dúas das últimas creacións saídas do seu taller de xubilado exhíbense no compostelán Pazo de Fonseca nunha exposición sobre a auténtica ourivaría ancestral de Santiago.
Agora a arte que xeran as mans do ourive máis veterano de Galicia é para desfrute da súa familia. A de Dávila é a historia do realizador dunha arte, segundo el, moi bonita, pero que está máis envolta de literatura que de cartos.