Curtis réndese aos cogomelos na súa festa de exaltación
Cúmprese a 25 edición da Festa do Cogomelo, nun evento didáctico pero tamén gastronómico
Inclúen unha exposición cos fungos recollidos polos montes da zona
A tempada de cogomelos vaise atrasando polos efectos da seca
Teixeiro, no concello coruñés de Curtis, converteuse esta fin de semana no lugar escollido para os amantes dos fungos. Celébrase a 25 edición da Festa do Cogomelo e unhas corenta persoas percorreron os montes en días previos para recoller as delicias locais e presentalas nunha exposición.
"Fomos sempre por distintos hábitats pero este ano foi bastante frouxo pola seca que tivemos. Empezou chover o domingo da semana pasada pero non foi suficiente", comenta un dos asistentes a andaina.
Os cogomelos recollidos expóñense na festa conformando un percorrido pola riqueza micolóxica de Curtis. Os exemplares máis prezados son os boletos, as cantarelas e os níscaros, pero para evitar sustos cos exemplares tóxicos cómpre guiarse polos especialistas na materia.
"Aos que están empezando diríalles que se esquezan de cogomelos con laminiñas brancas, porque aí están o oitenta ou noventa por cento das intoxicacións graves que temos na península ibérica", comenta José Manuel Castro, da Asociación micolóxica Pan de Raposo.
Na festa non só se aprende, porque tamén hai lugar para desfrutar da experiencia gastronómica dos cogomelos.
"Imos facer dúas degustacións: unha delas vai ser moi galega, cun toque que lle damos nós, que son os callos sen callos. Vai facer á vez dos callos pero coa textura dos cogomelos. O segundo vai ser un polo ao limón e unha prebe de cogomelos moi rica", conta Paula Martinez, do restaurante Artesa da moza crecha.
A festa incluía tamén a feira do comercio e a resolución do concurso de tapas, onde os cogomelos deixanse arroupar polos arroces, as croquetas e as tostas, facendo bo todo o traballo de recollelos.