Curso internacional sobre os dereitos dos animais no Pereiro de Aguiar
13 mozos de cinco países europeos participan no Erasmus+ 'My family, my responsability', organizado por Sustinea, no albergue de Ordelles
Móbil en man, traballan nunha campaña, a través das redes, para promover a adopción dos animais que se atopan na protectora de Ourense. María Kougioni, participante grega do Erasmus+, escribe sobre Esba, unha cadela de oito anos. O obxectivo, di, é sensibilizar sobre aqueles que teñen máis difícil atopar un fogar. Animais que coñeceron durante unha visita previa ás instalacións de Progape.
Cristian Crisan, participante de Romanía, destaca a carga emocional de achegarse á realidade destes cans e gatos abandonados. Subliña que decidiu apuntarse a esta iniciativa polo intercambio cultural. Son 13 mozos, de entre 18 e 30 anos de idade, chegados de cinco países europeos distintos. Durante unha semana comparten experiencias e reflexión sobre os dereitos dos animais e as reponsabilidades dos que deciden ter unha mascota. Tamén se achegarán ás especies invasoras e o impacto do ser humano no medio ambiente.
Unha aprendizaxe conxunta, destaca Lucía Dapía, monitoria de Sustinea, asociación encargada deste Erasmus+, onde ademais queren pór en valor as potencialidades do rural galego.