Culpable de homicidio o acusado de matar o xerente dun bar de Ourense
A Fiscalía pedía 12 anos para o acusado e solicitaba 20.000 euros para cada filla

O acusado de matar o xerente dun bar en Ourense en febreiro de 2020 foi declarado culpable dun delito de homicidio por parte do xurado, despois de varias horas de deliberación. O xurado descartou as atenuantes de colaboración coa policía e de drogadicción.
O tribunal popular deu por probado o punto un do obxecto de veredicto, en que se di que houbo unha discusión entre ambos, no curso da cal o acusado empuxou a Evaristo “e ocasionou a súa caída ao chan, onde lle golpeou a cabeza coa pistola que portaba e lle cravou unha botella rota no pescozo, ocasionándolle a sección da vea xugular interna, que produciu unha importante hemorraxia e ocasionou o falecemento da vítima”.
A defensa expuxera a colaboración con confesión tardía e o consumo de drogas como atenuantes. Durante o xuízo, o acusado mostrouse arrepentido e pediu perdón tras asegurar que Evaristo "non merecía morrer así".
Por estes feitos, a Fiscalía pedía doce anos de prisión e en concepto de responsabilidade civil, solicitaba 20.000 euros para cada filla. O acusado está interno na penitenciaría de Pereiro de Aguiar, no módulo de desintoxicación.