Crean a primeira gaita galega virtual para "innovar desde a tradición e preservar a cultura"
Chámase Breogán VSTi, unha iniciativa aberta e gratuíta que ve a luz este sábado
O seu creador é Carlos Lijó, un mozo de Culleredo que se dedica o desenvolvemento de ferramentas virtuais para produción musical
Carlos Lijó, creador da primeira gaita galega virtual, no seu estudio. EFE/Cabalar
Breogán VSTi é a primeira gaita galega virtual, unha iniciativa aberta e gratuíta que ve a luz este sábado para "innovar desde a tradición e preservar a cultura", segundo explica o seu creador, Carlos Lijó.
Desde o seu estudo de Vilaboa en Culleredo, Carlos Lijó observou a "necesidade e falta de instrumentos virtuais tradicionais galegos", ante o que xa deseñou no seu momento Carmucha, como primeiro instrumento musical virtual de percusión galega en homenaxe tamén á súa avoa, que era 'pandereteira'.
Aquela pandeireta "tivo moi boa acollida" e agora a aposta pola gaita galega.
"Ademais de ser algo simbólico de Galicia, tamén chega pola necesidade de producir música, así que vai ser libre, gratuíto e accesible", continúa sobre o programa, que está accesible para descargar desde este sábado.
Dedícase desde hai anos ao desenvolvemento de ferramentas virtuais para produción musical e Breogán VSTi chega, ademais, sen financiamento externo nin por parte de empresas nin de administracións, aínda que está aberto a continuar a súa actividade se conta con apoio no futuro.
Dedicou os últimos dous meses ao seu deseño, para o que contactou co músico Nicolás Salgado, co que gravou as mostras de gaita galega, pito galego -unha frauta de pico-, requinta -unha frauta travesera- e asubío -un instrumento de vento para asubiar utilizado no pastoreo-, as catro opcións que incorpora a nova ferramenta.
"É unha homenaxe á cultura galega e espero que sirva tamén para promocionala e para traspasar fronteiras. Calquera produtor do mundo poderá agora facer as súas creacións con esta ferramenta, que tamén democratiza a produción musical ao permitir que se faga desde casa, sen a necesidade de ter que contratar músicos, así que fai todo máis fácil", agrega.
Espera que a nova gaita virtual sirva tamén para "enaltecer un pouco máis a cultura galega nun momento en que está en horas baixas".
"Todo isto é totalmente altruísta. Fágoo porque me apetece e quero achegar o meu granito de area á cultura galega nun momento en que están a xurdir novos grupos de música tradicional e hai unha falta de ferramentas virtuais", relata.
Responde tamén á necesidade de xuntar a tradición co momento actual, no que a tecnoloxía se impón e marca o ritmo do mundo musical.
"Quero tentar innovar desde a tradición e poder traer á época moderna e dixital a música tradicional. O obxectivo é que a cultura non se perda e inmortalizala", remata.
Breogán VSTi é a primeira gaita galega virtual. EFE/Cabalar
Iniciativa pioneira en España
As ferramentas virtuais para crear música tradicional son, polo de agora, moi escasas e, de feito, esta gaita galega "é pioneira".
"Non hai ningún tipo de ferramenta virtual enfocada a producións musicais de música tradicional de España, por agora tampouco existen para a música de Euskadi ou de Cataluña", explica.
Por iso tamén tiña "ganas de crear" unha opción que sirva para abrir máis posibilidades no mundo da música tradicional.
Na propia ferramenta incorporou varias ferramentas, como ecualizador, reverb, vibrato ou envolvente, de xeito que permita posibilidades aos creadores.
Así, é capaz de simular o son desa gaita galega "coma se se tocase nunha carballeira , nun furancho, nunha igrexa ou nun val".
"É unha ferramenta moi dinámica e aberta. Creo que todo o mundo poderá atopar o son que busca", conclúe o seu creador.
Só pide unha cousa: que quen o utilice achegue comentarios, recensións e críticas, así poderá mellorala e continuar o seu traballo para sumar máis instrumentos á creación virtual de música.