As obras de reconstrución do mosteiro budista de San Amaro avanzan un ano despois do incendio
O 27 de febreiro fai un ano do incendio que calcinou por completo o edificio principal
O custo da reconstrución sobe dos setecentos mil euros, sufragados fundamentalmente con doazóns
Un guindastre asoma sobre o arboredo de Ventoselo, en San Amaro. Entre as estadas e as escadas rexorde o mosteiro Chu Sup Tsang, baixo a atenta vixilancia das dúas monxas que o habitan; unha delas, arquitecta de formación.
"Agora vese un pouco desolado, ruinoso, como se non se fixera nada, pero aquí hai moitísimo traballo, desde o incendio ata agora", di Tenzing Palmo, monxa budista.
Fai xa un ano do incendio que suspendeu a actividade nun mosteiro de referencia ao que acudían budistas de todo o mundo, para faceren cursos e retiros. O lume cebouse coas estruturas de madeira e o combustible do interior: mobles e unha inmensa cantidade de libros dos que pouco se puido salvar.
"Algúns libros e obxectos dos que había na tenda, de práctica. Pero sobre todo libros, en tibetano e en castelán", relata.
Os albaneis xa remataron e agora agardan pola estrutura de madeira, que están a fabricar en Lugo e que se vai ensamblar por pezas para devolverlle ao mosteiro o aspecto orixinal, pero corrixindo os fallos que detectaron.
"Como se destruíu todo, aproveitamos para poñer uns illamentos moito máis potentes e ignífugos", explica Tenzing.
A obra sobe dos setecentos mil euros. Entre o seguro e as doazóns, levan recadado un 70 por cento.
"Xa non só dos discípulos, practicantes budistas de España e de fóra de España, senón tamén moita xente que non é budista pero que quixo axudar porque entenden o positivo da presenza do mosteiro budista en San Amaro"
Agardan reabrir o ano que vén retomando a actividade habitual, que chegou a acoller un cento de persoas simultaneamente.