Publicador de contidos

Publicador de contidos

Continúa a polémica pola romaría de Santa Marta de Ribarteme

Continúa a polémica pola romaría de Santa Marta de Ribarteme

Os veciños reclaman que volvan os cadaleitos á procesión

G24.gal 22/09/2022 21:28

Segue sen haber acordo sobre a celebración da romaría na honra de Santa Marta de Ribarteme. Este ano, non houbo cadaleitos na procesión, unha tradición que os veciños non están dispostos a perder, e mesmo piden que cambien o párroco.

Verónica Fernández García é veciña da parroquia e pertence ao colectivo que busca recuperar a romaría. Ela insiste en que deben cambiar o cura: "Como di que mentres estea el non haberá romaría, mellor cambialo. Non só é a romaría, tamén un bautizo que se negou a realizar por parvadas".

Outro dos veciños, Manuel Álvarez Iglesias, insiste na mesma idea: "Estamos moi descontentos. Pode ter razón, pero hai que respectar unha tradición con séculos de historia. Gustaríame que este cura marchase".

O concello das Neves está a elaborar un documento para recoller sinaturas e pedirlle ao bispado que recupere a romaría, aínda que insisten en que eles non opinan sobre o párroco nin van reclamar a súa destitución.

Algúns veciños mesmo estudan facer unha procesión paralela como medida de presión. "Algúns membros da asociación de patróns teñen unha réplica da santa que podería saír, pero realmente o que queremos é que regrese a romaría con toda a celebración", detalla Verónica.

O bispado non quixo facer declaracións e apuntan que polo momento non recibiron a petición do concello e os veciños.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade