Conta atrás para as probas de acceso á universidade en Galicia
Máis de 13.400 estudantes vanse enfrontar aos exames da PAU entre o 2 e o 4 de xuño
Os exames permanecen custodiados nun búnker e o luns levarános ás 36 sedes en que se desenvolverán as probas
Os centros en que se realicen os exames contarán con detectores de frecuencia para evitar que se copie con medios tecnolóxicos
Quedan xa poucos días para que máis de 13.400 estudantes galegos se enfronten a uns exames decisivos para o seu futuro, as probas de acceso á universidade. Agora toca repasar e controlar os nervios que se incrementan conforme se acerca o día.
"Hai nervios, pero levamos todo o ano preparándonos para os exames. O maior problema é organizarse para o repaso diario, sempre deixas algo, pero bueno, imos ben."
"Eu personalmente estou bastante tranquilo. Teño amigos que están máis tranquilos e outros algo máis nerviosos. Eso depende de cada un e cado un tenta levalo da mellor maneira posible."
E mentres os estudantes fan os últimos repasos, no CIUG, o organismo encargado da coordinación da PAU, xa teñen preparada toda a loxística para a custodia e o reparto dos exames.
"Estarán custodiados nun búnker do que non decimos a localización por cuestións de seguridade. E o luns a primeira hora comezaremos co reparto por todo o país, nas 37 comisións delegadas que temos este ano, repartindo os exames sempre en fungóns de seguridade e custodiados como teñen que ir." ,explica Iván Area, o responsable do CIUG, a Comisión Interuniversitaria de Galicia.
E para garantir a igualdade de oportunidades póñense en marcha medidas para evitar que ninguén copie, especialmente empregando as novas tecnoloxías.
"Os detectores de frecuencia que xa levamos dende o ano 2019 na CIUG con esta iniciativa. Eu creo que é unha forma importante e necesaria, lamentablemente necesaria para que o alumnado o que faga no exame sexa o que realmente sabe." ,di Iván Area
Estes detectores axudan a descubrir dispositivos ocultos, pero tamén é obrigatorio ter o móbil e outros aparellos intelixentes apagados e gardados durante todo o exame. Ademáis os profesores encargados de vixiar as aulas poderán revisar calculadoras, bolígrafos ou gafas en calquera momento. E cómpre lembrar que se vai invalidar o exame a aqueles aos que sorprendan no incumprimento das normas.