Consellos para conducir con sarabia
Moi importante o estado do vehículo e suxeitar o volante sempre coas dúas mans
Reducir a velocidade baixando marchas, non abusar do freo, non dar volantazos e aumentar a distancia de seguridade
Intentar abeirar, deixar as luces de cruce acesas e nunca baixar do vehículo
Cando cae sarabia, a estrada convértese nunha pista de xeo, polo que os pneumáticos perden adherencia. Manter o control do vehículo require destreza e ter interiorizadas as manobras que nos permitan reaccionar con tempo dabondo para evitar un accidente.
"Reducir a velocidade e non dan volantazos agresivos, todo ten que ser moi suave e sobre todo, cando é sarabia, non abusar dos freos. Usar marchas curtas para que o freo motor sexa o que deteña o vehículo", explica Carlos Mariñas, administrador do C.T.E.F. de Greloland.
A sarabia é un dos fenómenos atmosféricos máis perigosos, sobre todo porque é inesperada.
"Por iso o estado de conservación dos pneumáticos e outros elementos do vehículo, como freos ou o limpaparabrisas, son importantes sobre todo cando a climatoloxía se volve moi adversa", continúa o formador.
A postura ante o volante tamén pode ser determinante, porque reaccionar ou non a tempo pode ser cuestión de segundos.
"Eses segundos de ter as dúas mans ao volante ou que unha man tarde ese tempo en coller o volante poden ser vitais".
O pedrazo representa un reto ata para os condutores experimentados. Diminúe drasticamente a visibilidade, provoca un ruído enxordecedor e xera moito estrés. Se as circunstancias o permiten, o mellor é abeirar o coche, deixando acesas as luces de cruce. É importante alertar da nosa presenza sen cegar outros condutores. E sobre todo non saír do coche.