Carmen retírase de campaneira con 91 anos: "Teño forza, pero os fillos rifábanme seguido"
Foi sacristá e campaneira da parroquia de San Martiño de Forcarei durante 65 anos
Durante máis de seis décadas, as campás de San Martiño de Forcarei tocaron da man de Carmen Ferreira. Conta que aprendeu o toque dos Barreiros, a súa familia política. O seu marido era organista na igrexa, e Carme foise metendo para axudalo a atendela. Foi a sancristá e a campaneira da parroquia dende os anos 60, calcula.
Daquela -lembra- aínda "ía arriba ao campanario", pero despois o seu home ideou un sistema de cordeis e Carmen empezou a tocar desde abaixo. E co toque, comunicaba os avisos á veciñanza de Forcarei. "Menos repenicala, que nunca quixen", di Carmen. "Repenicábana os meus fillos, aprendíalles o pai", engade.
Traballou arreo na parroquia, e tamén fóra dela. Empezou de nena, repartindo o pan a cabalo. "Ía dende Forcarei ata Cernadelo, todo polo monte, que non había estradas daquela", lembra. Foi cociñeira no colexio, coidou maiores, vendía na feira o que producía na casa, e criou sete fillos e fillas. "O demo axudoume", ri. Conserva o sentido do humor, pero as forzas van a menos e agora, case con 92 anos, toca retirarse.
"Estou enferma pero ben, teño forza, pero xa non podía seguir. Os fillos rifábanme seguido", así que se retira "con gusto", di. Déixao con gusto e en boas mans. Leva xa uns anos instruíndo a Gloria, que a substituíu na sancristía e coas campás. "Aínda teño moito que aprender", di Gloria Barreiro, que loa a fortaleza e o carácter da súa mentora.
Gloria quere aprender, para conservar a tradición do toque manual das campás e "que non entre o dixital de momento". Di que ten a mellor mestra: a señora Carmen, que a axuda para que non se perda o son das campás de Forcarei.
