Condenado a 17 anos de cárcere o home que violou a exparella en Vilagarcía
Condenado a 17 anos de cárcere o home que violou a exparella en Vilagarcía
Terá que indemnizar a vítima con máis de 15.000 euros e prohibiráselle achegarse e comunicarse con ela durante 5 anos
Agresor e vítima teñen dous fillos en común

A Audiencia de Pontevedra condenou a 17 anos de cárcere un home que violou e maltratou a súa exparella en Vilagarcía de Arousa.
O tribunal considerouno culpable dun delito de agresión sexual, dous delitos de lesións, dous delitos de malos tratos habituais no ámbito da violencia de xénero, un delito de ameazas leves e outro de inxurias á vítima.
As maxistradas da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra consideran probado que a parella, que ten dous fillos en común, mantiveron unha relación durante uns dous anos.
Unha vez rota a relación, en xaneiro de 2019, ambos volveron convivir xuntos para coidar os seus fillos entre os dous, momento desde o que, segundo a sentenza, "levou a cabo un comportamento violento, posesivo e controlador coa súa excompañeira sentimental".
Entre outros episodios, o acusado arrebatoulle o seu teléfono móbil e a súa carteira, agrediuna fisicamente en varias ocasións ou deixou horas a súa exmuller e a súa filla pequena fóra da casa.
Oito meses despois, xa tras cesar a convivencia de novo, este acurralou a vítima no portal do seu domicilio e despois de espila violouna, un episodio ao que o tribunal engade un intento de atropelo nas inmediacións da súa vivenda.
Ademais da pena de prisión, o acusado terá que indemnizar a vítima con máis de 15.000 euros e, unha vez saia de prisión, deberá estar cinco anos en liberdade vixiada e prohibiráselle achegarse e comunicarse con ela.