Complicado rescate dun sendeirista no Vicedo
O operativo de rescate tardou máis de tres horas en poder sacalo do lugar
O ferido, con fractura nunha perna, foi evacuado polo helicóptero Pesca II ao Hospital da Costa
Numerosos medios implicados e máis de tres horas de operativo para poder rescatar un sendeirista ferido no Vicedo. O home caeu e fracturou unha perna nunha zona de difícil acceso. Finalmente foi evacuado polo helicóptero Pesca II, que o trasladou ao Hospital da Costa.
Foi un rescate moi complicado debido á orografía da zona onde aconteceu o accidente, no Monte de Insua no Vicedo. Jesús Manuel Martínez, responsable da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo, conta que "é unha ruta moi bonita á beira do río, pero cando suceden cousas destas o rescate é complicado".
O aviso do accidente dérono os acompañantes sobre o mediodía deste mércores. O ferido estaba nun lugar escarpado ao que non se podía acceder en vehículo e orballaba na zona, polo que o chan estaba demasiado esvaradío para trasladalo en padiola. "É un sendeiro moi estreito onde apenas cabe unha persoa. Non hai forma de facer quendas para levar a padiola, e ademais está o risco de caer".
Así, o 112 mobilizou o helicóptero do Pesca II. "O helicóptero pasoulles a padiola aos bombeiros e estivo dando voltas ata que inmobilizaron o ferido. Entón situouse enriba e trasladou o ferido ao hospital de Burela".
O sendeirista foi atendido da fractura na perna no Hospital da Costa. No operativo de rescate, que se prolongou máis de tres horas, participaron os bomberos de Viveiro, o Pesca II, Protección Civil, Garda Civil, unha ambulancia do 061 e tamén o médico e a enfermeira do centro de saúde do Vicedo.