Rescate dramático en Albacete para salvar tres menores atrapados nun incendio
O lume e o fume trancaban o acceso pola porta e unha reixa impedíalles saír pola ventá
Os veciños cortaron a reixa cunha radial mentres os pequenos pedían auxilio
Christian Guerrero é policía nacional en Alacante, pero na fin de semana estaba de vacacións en Albatana, a súa localidade natal en Albacete, cando os berros dunha veciña alteraron por completo os seus plans. Pedía auxilio para os seus fillos, unha nena de sete anos e dous adolescentes de 13 e 14, que estaban dentro da casa que estaba ardendo.
Christian conseguiu botar a porta abaixo, pero xa non era posible acceder ata o cuarto dos nenos. Axudáronlle outros veciños que acudiron pola alerta, pero tampouco os podían rescatar pola ventá, porque tiña unha reixa.
En ningún momento pararon de botarlles auga ata que por fortuna, xa in extremis, deron coa solución definitiva, unha radial, coa que serraron as ancoraxes da reixa. Christian recoñece que a situación foi moi dura véndoos tan preto desesperados pedindo auxilio.
"Non tiñamos tempo, as lapas ían moi rápido....ver a cara dos nenos diante de ti dicindo "quéimome, quéimome!!".
Unha vez arrincada a reixa, puideron rescatar os pequenos. Un deles ten queimaduras graves, pero evoluciona favorablemente e os outros dous xa foron dados de alta.
