Comezo asoballante do Liceo no 'play off' polo título da Ok Liga
Gañou por 5-1 ao Reus e fíxose co primeiro dos tres triunfos que precisa
O domingo (12:00, G2) en Riazor, o segundo partido da eliminatoria
O Liceo comezou dun xeito asoballador o play off polo título da OK Liga. Gañou o primeiro dos tres partidos que precisa para ser campión por un claro e contundente 5-1.
O Reus viña de eliminar o Barcelona e iso sempre é motivo de respecto. O Liceo saiu ao partido coa máxima concentración defensiva, sen ningún tipo de concesión. En ataque foron caendo as oportunidades e o equipo de Juan Copa estivo moi efectivo. Unha xogada de Dava Torres culminada por César Carballeira poñía o 1-0. Logo chegaría o segundo marcado por Maxi Oruste, e antes do descanso Di Benedetto anotaba o 3-0.
O segundo tempo comezou co Reus fóra do partido. Nunha xogada con dobre cartón azul César Carballeira marcaba o cuarto de penalti. O quinto acadouno Álex Rodríguez cun gran lanzamento cruzado. Marc Juliá demostrou a súa calidade na bola parada para recurtar diferenzas.
Co 5-1 os dous equipos comezaron a poñer a cabeza no partido do vindeiro domingo (12:00, G2) no que o Liceo tentará encamiñar un pouco máis o título ligueiro.