Comezan os traballos de desentullo no edificio incendiado no barrio ourensán da Ponte
As lapas afectaron unha clínica dental e unha farmacia, que dous días despois segue pechada
En breve farase o apontoamento da fachada e o edificio será declarado en ruína
Segundo os técnicos, non hai perigo para os peóns nin para o tráfico da zona
Dous días despois do incendio, os bombeiros tiveron que volver ao edificio sinistrado en Ourense.
"Na xornada de onte estivemos a remover e a refrescar os rescoldos que quedaban do día anterior. As cinco e media da madrugada en Vitaldent houbo dous incendios bastante desenvolvidos e fixemos extinción interior e exterior. Agora quedaba todo selado e a espera de que empecen os traballos de seguridade do edificio", explica Rubén González Costas, cabo de incendios dos Bombeiros de Ourense.
O edificio que linda co afectado polo incendio e co que comparte portal e escaleiras, tivo que ser desaloxado o sábado. Os veciños puideron entrar a recoller só o imprescindible para estes días acompañados dos bombeiros. Os traballos de desentullo comezaron á primeira hora da mañá.
"A caixa de escaleiras era unha zona que fora rehabilitada José Antonio Basalo Arquitecto hai moi pouquiño tempo co que está bastante ben, pero o lume provocou danos nas instalacións eléctricas, hai algúns desprendementos nos falsos teitos. Pero en principio con apuntalar, limpar, deixámolo operativo. Agora mesmo están todos evacuados e claro, a xente quere vir para casa", apunta o arquitecto José Antonio Basalo.
O edificio, segundo os veciños non tiña inquilinos, pero levaba tempo ocupado. As lapas afectaron a unha clínica dental e a unha farmacia, que hoxe seguía pechada. Contan os veciños e comerciantes que custa crer o vivido o pasado sábado.
"Estabamos traballando cando escoitamos o estourido, un estourido monumental. Ao saír xa vimos que o tendido eléctrico xa empezaba a chispear, as lapas a saír polas ventás. A temperatura que debeu coller aí dentro...".
"Xusto abrimos as dez e media da mañá e as once tivemos que pechar porque xa empezaba o incendio. Todo en lapas, ademáis unhas lapas súper altas".
"Grazas a Deus non hai vítimas, que iso é o importante. E agora a ver qué medidas e solucións hai agora".
En breve farase o apontoamento da fachada e o edificio será declarado en ruína. Malia que se seguen producindo pequenas derrubas, son cara ao interior do inmoble; segundo os técnicos, non hai perigo para os peóns nin para o tráfico da zona.