Comeza unha nova edición do Festival de Teatro Galego no Carballiño
Dez representacións nos escenarios e tamén na rúa
O Carballiño acolle catro días de teatro nos escenarios e tamén nas rúas da vila. O Festival de Teatro Galego Celso Parada volve reencontrarse co seu público tras a pandemia con dez representacións que apostan pola produción dramática en lingua galega. O FETEGA cumpre 33 edicións e ten este ano un carácter solidario.
Inversa Teatro levanta o pano desta nova edición do FETEGA
"É unha obra de teatro documental en que se amosa a través da miña experiencia familiar o que aconteceu en Galicia durante a guerra civil. Fálase do fusilamento do meu bisavó Tirso Gómez Freijido xunto cos seus compañeiros e veciños da Cañiza e tamén o apresamento da alcaldesa María Gómez, que foi a única muller que exerceu ese cargo en Galicia durante a segunda República." Explica Marta Pérez, directora da obra "O péndulo".
O péndulo é unha das propostas que trae consigo este ano o FETEGA. Outra delas é O Deus do pop. Mistura de tenrura e humor absurdo que chega da man de Diego Anido.
Canda elas, neste reencontro do festival co seu público tras a pandemia, hai ademais tres estreas: o monólogo musical de Produccións dispersas, Rapsofá da compañía Xerpo e a comedia Home de Antón Coucheiro.
Desta volta parte da recadación do festival destinarase á asociación de discapacitados psíquicos do Carballiño. Será o vinte por cento da billeteira dos espectáculos que conforman o cartel do FETEGA. Dez este ano.
"Preséntanse máis de cen compañías inicialmente. Para nós é difícil elixir tan só un puñado delas. Son moitas propostas e hai que elixir, a responsabilidade é moita." Apunta Carlos Ledo, director do FETEGA.
Pero o festival non vai quedar só nos escenarios, o bandullo azul sairá ás rúas co seu Mestre ma non troppo.
E cada día Barafunda, a compañía de teatro de rúa, percorrerá a vila animando os veciños a achegárense ás representacións.