Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza o xuízo do Alvia: a maxistrada frea o intento de que non se cuestione a seguridade da liña

Comeza o xuízo do Alvia: a maxistrada frea o intento de que non se cuestione a seguridade da liña

A xornada serviu para resolver cuestións previas, impugnacións e procedementos

No banco dos acusados sentan o maquinista do tren, Francisco José Garzón, e o director de seguridade na circulación do Adif no momento dos feitos, Andrés Cortabitarte

Agriden a Andrés Cortabitarte á saída do xuízo

G24.gal 04/10/2022 18:35 Última actualización 05/10/2022 14:56

Este mércores comezou na Cidade da Cultura o xuízo polo accidente do Alvia. A vista oral chega 9 anos, 2 meses e 9 días despois do sinistro de tren en Angrois, en que faleceron 80 persoas e case 150 quedaron feridas de diversa consideración.

No banco, dous acusados: o maquinista do tren, Francisco José Garzón Amo, e o exdirector de Seguridade na Circulación do Adif Andrés Cortabitarte.

Pasadas as dez menos cuarto da mañá, a titular do xulgado do penal número 2 de Santiago daba inicio á fase de cuestións previas do xuízo máis complexo dos que se lembran no sistema xudicial galego polo accidente ferroviario máis grave acontecido na comunidade.

Unha complexidade, patente desde o primeiro minuto da sesión, mesmo no aspecto formal: cuestionouse desde a localización na sala dos avogados ata cantos podían intervir ou mesmo estar presentes na sala por cada unha das partes presentadas.

A tensión dominou toda a primeira xornada, en que a xuíza María Elena Fernández Currás admitiu como proba o polémico vídeo presentado hai só uns días polo Adif, denominado polo seu avogado como un "documento gráfico explicativo", e a pesar das impugnacións do maquinista e das vítimas. Con todo a xuíza xa deixaba claro que era unha proba "de parte" e o que se "podía esperar dun vídeo que se achega en 2022".

A xuíza frea a intención de que non se cuestione a seguridade da liña

O que non admitiu a xuíza foi que houbese indefensión por parte do que fora xefe de Seguridade de Adif e tamén acusado, Andrés Cortabitarte, en contra do que alegaba o seu avogado ao pretender que se excluísen das acusacións cuestións relativas ao sistema ERTMS.

É que o avogado que defende a Cortabitarte criticou durante as cuestións previas que o xuízo entre a debater elementos técnicos relativos á seguridade. Pero a xuíza advertiulle de que estas circunstancias están "intimamente ligadas" e haberá que abordalas.

En concreto, o letrado Ignacio Sánchez fixo referencia a escritos de acusación que sinalan factores como a desconexión do ERTMS (sistema de control de velocidade) e o cambio de proxecto da liña Ourense-Santiago (que eliminou este sistema do último tramo na vía, onde se produciu o descarrilamento).  

Elena Fernández Currás respondeu a isto que no relativo á "falta de garantía da seguridade da liña" entran "mil cuestiones" e que iso será "obxecto no seu caso da sentenza" ou se abordará tamén "no momento dos interrogatorios".  

Andrés Cortabitarte, exdirector de Seguridade na Circulación do ADIF (EFE/Lavandeira jr) Andrés Cortabitarte, exdirector de Seguridade na Circulación do ADIF (EFE/Lavandeira jr)

A xuíza tamén rexeitou a pretensión da defensa de excluír a acusación de danos. A causa, dixo, vén formada xa desde a instrución e non foi alegada ata agora. O debate das cuestións previas continuou durante toda a sesión coas impugnacións por parte das vítimas dos informes médicos das aseguradoras.

A próxima sesión será a deste xoves, coa declaración do maquinista do tren. A xuíza admitiu a solicitude da súa defensa de que só teña que acudir ao xuízo para a súa declaración, e evitarlle a "pena do corredor", segundo solicitou o seu avogado. A quenda da declaración de Cortabitarte será o venres.

Prevese que o xuízo máis importante da década en Galicia dure cinco meses, de outubro a febreiro. Pero a complexidade do caso fai pensar que podería alongarse moito máis. A causa ten 44.460 folios e 669 testemuñas.

En total, hai 446 persoas prexudicadas que reclaman. Están agrupadas en 154 acusacións, asistidas por 110 letrados e representadas por 47 procuradores.

Ademais, hai 53 prexudicados que non están representados por avogado e procurador, polo que a acusación exerceraa o Ministerio Fiscal.

Francisco José Garzón Amo, maquinista do Alvia (EFE/Lavandeira jr) Francisco José Garzón Amo, maquinista do Alvia (EFE/Lavandeira jr)

Cun total de 93 partes que comparecen, facíase imposible que nos xulgados de Santiago puidese celebrarse un xuízo no que cada un dos letrados ten dereito a asistir presencialmente á vista.

Por iso, desde a Xunta habilitaron para este xuízo un dos edificios da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. 

Minuto a minuto

9:45

Comeza o xuízo polo accidente do Alvia en Angrois

10:00

As partes presentan ante o tribunal cuestións previas de procedemento

10:15

A plataforma de vítimas do Alvia 04155 encara o inicio do xuízo con "moitísima dor" e "rabia", ao considerar que faltan no banco os que deberían responder de "decisións e neglixencias" sen as cales aquela traxedia non ocorrese. Así o manifestan nun comunicado publicado poucos minutos antes do comezo da vista.

10:20

O exdirector de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, accedeu por unha porta traseira ao edificio no que se desenvolve o xuízo.

10:30

O maquinista do Alvia, Francisco José Garzón Amo, chegaba antes do inicio do xuízo "nervioso" e "preocupado", aseguraba o seu avogado, Manuel Prieto.

O letrado explicaba que confiaban en que "a pena non chegue a producirse", en referencia aos catro anos de prisión que se piden para el. 

10:45

A Plataforma de Vítimas do Alvia 04155 impugnará o vídeo co que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) pretende atribuír erros ao maquinista. O avogado das vítimas, Manuel Alonso Ferrezuelo, asegurou que a montaxe que presentou Adif  "non cumpre os requisitos esixidos pola lei". "É unha barbaridade xurídica, ímolo impugnar como cuestión previa, porque entendemos que é un vídeo novo que se achega agora, non sabemos quen o editou, non sabemos como saíu", explicou. 

11:06

Unha das cuestións que suscitou recusacións por varias partes é a retransmisión en directo do xuízo, que algúns avogados cren que vulneran o dereito de defensa. A xuíza denegou a solicitude alegando a repercusión que ten o xuízo e que de non ser en directo a información vai chegar á opinión pública de igual forma.

11:16

O avogado que defende a Cortabitarte critica durante as cuestións previas que o xuízo entre a debater elementos técnicos relativos á seguridade. Pero a xuíza advertiulle de que estas circunstancias están "intimamente ligadas" e haberá que abordalas.

11:22

A maxistrada semella tratar de levar o control do xuízo en todo momento, e xa chamou a atención a varias das partes.

11:23

O avogado do maquinista denuncia "conflito de intereses" na Avogacía do Estado, por convenios que ten asinados tanto con Adif como con Renfe. Inicialmente, a xuíza xa criticou que "non dixeron nada -sobre este extremo- en xulgado de instrución", tendo en conta que "a causa vén formada de instrución".

"Adif nunca presentou denuncia por delito de danos en toda a instrución, non existe denuncia. E esixe denuncia expresa. En todo o procedemento estivo como responsabilidade civil subsidiaria", destacou.  

Ademais, fixo referencia ao auto que imputaba unicamente os delitos de homicidio e lesións, "exclusivamente", para engadir que, ao seu xuízo, "a Fiscalía de oficio non pode intervir se non existe denuncia do agraviado". "Entendemos que isto nos podería levar a unha nulidade de actuacións", engadiu. 

11:29

Varias acusacións impugnaron o vídeo presentado como proba por parte do Adif, que se filtrou nas últimas horas, e que consideran que está feito con "ánimo de exculpar" a Cortabitarte e facer recaer toda a culpa no maquinista

A xuíza asegura que non hai problema en que se una ás actuacións, "aínda que se poida pensar todo o que se queira dun vídeo que se achega no ano 2022".

11:39

O avogado da asociación de vítimas insiste en impugnar o vídeo achegado polo Adif porque "non sabemos quen o editou". "É un vídeo que non se axusta á realidade, dubidamos da súa veracidade", di.

12:24

As acusacións, ata un total de 91, están a presentar sobre todo impugnacións de declaracións de peritos e informes presentados como probas propostas por parte das defensas. Tamén se presentan moitas solicitudes para que testemuñas chamadas a declarar durante o xuízo o poidan facer a través de videoconferencia.

12:31

A xuíza tamén inestimou a impugnación da técnica Esther Mateo, que agora é directora xeral de Seguridade do Adif. Para o avogado da Plataforma de Vítimas, o seu informe "debe ser expulsado do procedemento" e o avogado do maquinista di que non debe prestar declaración porque "ten interese directo como empregada e traballadora de Adif".

Con todo, a xuíza replicou que o seu informe "leva anos unido" ás actuacións realizadas durante a instrución, polo que considera que "non é o momento" de apartar o seu testemuño.

13:15

A xuíza admite que os peritos propostos pola defensa do maquinista declaren os últimos.

13:34

O maquinista do Alvia, Francisco José Garzón Amo, un dos dous acusados neste xuízo, non terá que acudir a todas a sesións do xuízo. A súa defensa pediu que non o sometan durante todas as xornadas á "pena do corredor", e foi aceptado pola xuíza.

13:37

Finaliza a primeira sesión do xuízo. A vista oral vaise retomar este xoves á mañá coa declaración do primeiro dos acusados, o maquinista do Alvia, Garzón Amo. 

Se non hai cambios, a declaración do outro acusado, Andrés Cortabitarte, exdirector de seguridade na circulación do Adif, sería o venres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade