Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza a primeira operación verán, na que se prevén 4,8 millóns de viaxes

Comeza a primeira operación verán, na que se prevén 4,8 millóns de viaxes

Este é o primeiro verán no que é obrigatorio levar a baliza V-16 para sinalizar incidencias na estrada; outras novidades son o teléfono de atención ás vítimas de tráfico 018 e medidas especiais de regulación con motivo da eclipse de sol

Foto de arquivo (Alejandro Martínez Vélez /Europa Press) Foto de arquivo (Alejandro Martínez Vélez /Europa Press)
G24.gal 03/07/2026 08:31

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) pon en marcha a partir das tres deste venres a primeira Operación Verán 2026, que finalizará ás 24 horas do domingo día 5. Nese intervalo prevese que se produzan 4,8 millóns de desprazamentos por estrada.

O dispositivo especial de tráfico con motivo do verán prolongarase ata o próximo 31 de agosto, un período no que a DXT espera máis de 104 millóns de viaxes, un 3,7 % máis que o pasado ano.

Alén da que arrinca este venres, hai outras tres grandes operacións especiais: a do 1 de agosto (do 31 de xullo ao 2 de agosto), a do 15 de agosto (do 14 ao 16 de agosto) e a de retorno (do 28 ao 31 de agosto). Máis de 104 millóns de movementos de longo percorrido por estrada durante o verán, 49,7 millóns concentraranse no mes de xullo e 54,5 millóns en agosto.

A primeira operación que empeza esta tarde sumará os desprazamentos de quen comeza as súas vacacións en xullo e os habituais de fin de semana, o cal provocará un importante incremento da circulación nas principais vías de saída das grandes cidades e nas estradas cara a destinos turísticos e segundas residencias.

Durante este mes de xullo e o próximo agosto desenvolveranse campañas específicas de vixilancia de motocicletas en fins de semana e de control de velocidade e consumo de alcol e drogas co obxectivo de reducir a sinistralidade nos desprazamentos estivais.

Este é o primeiro verán no que é obrigatorio levar a baliza V-16 para sinalizar incidencias na estrada, e outras novidades son o teléfono de atención ás vítimas de tráfico 018 e medidas especiais de regulación con motivo da eclipse de sol.

Para que o período estival non sexa tráxico nas estradas, Tráfico insiste en que a prudencia e o respecto das normas de circulación son as únicas armas para combater a sinistralidade ao volante.

A DXT recomenda planificar a viaxe pola ruta máis segura para evitar imprevistos e informarse do estado das estradas, da situación do tráfico en tempo real e das incidencias que poidan existir a través das redes sociais, os boletíns informativos en radio e televisión e o teléfono 011.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade