Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza a vacinación da cuarta dose da covid nas residencias galegas

Comeza a vacinación da cuarta dose da covid nas residencias galegas

A primeira galega en recibir esta cuarta dose foi Nieves Cabo Vidal, usuaria da residencia Porta do Camiño de Santiago de Compostela

Serán unhas 21.000 persoas as que se inmunizarán en total nun período que Sanidade calcula dunhas dúas semanas

Nieves Cabo foi a primeira galega en recibir a cuarta dose da vacina contra a covid-19
G24.gal 26/09/2022 09:06 Última actualización 26/09/2022 13:44

Galicia comeza este luns, día 26 de setembro, unha nova onda de inmunización contra a covid-19. Empezou pola poboación máis vulnerable, aquela que vive nas residencias e centros sociosanitarios da comunidade autónoma.

A primeira galega en recibir esta cuarta dose foi Nieves Cabo Vidal, usuaria da residencia Porta do Camiño de Santiago de Compostela, que tamén recibiu a vacina contra a gripe.

Serán unhas 21.000 persoas as que se inmunizarán en total nun período que Sanidade calcula dunhas dúas semanas, dentro dun proceso que, neste caso, non se fará por orde de idade senón por centro e que avanzará de forma simultánea en residencias das catro provincias.  

A previsión para este luns é a de inxectar a vacina a 3.700 persoas en 45 residencias, respecto diso, o conselleiro de Sanidade agradeceu a "estreita colaboración" co departamento de Política Social.

Aos primeiros vacinados e aos equipos de enfermería deulles as grazas polo ánimo e a motivación o conselleiro de Sanidade, coa expectativa de superar as cifras de adherencia históricas da terceira dose. Desta vez, inmunizaraos cunha vacina bivalente, que protexe mellor porque combina a cepa ancestral de Wuham coa ómicron actual.

"Unha vacina que, como saben, autorizouse pola EMA o pasado 12 de setembro. Hai moi pouquiño tempo e xa fomos quen de tela aquí, neste caso a través do Ministerio de Sanidade e o Mecanismo Europeo para a compra das vacinas... para estar xa hoxe mesmo poñendo a vacina contra a variante que circula máis en toda Galicia", explicou o conselleiro de Sanidade.

Xa no mes de outubro, a Consellería de Sanidade arrincará unha segunda fase da administración desta cuarta dose na que, entón si, comezará a citar por idade, arrincando no colectivo de máis de 80 anos. Tanto para o grupo de maiores de 80 como para o seguinte, de 60 a 80 anos, xa que non está previsto vacinar persoas de menos idade, empregaranse os grandes recintos de vacinación, coñecidos como vacinódromos. Segundo dixo no seu momento o conselleiro Julio García Comesaña, estes dotan de máis comodidade e axilidade o proceso á vez que facilitan cuestións loxísticas da propia vacina. 

Como novidade, nesta ocasión simultanearase a dose de reforzo da covid-19 coa inmunización contra a gripe. Segundo apuntou a Xunta, isto non implica adiantar o inicio da campaña estacional contra a gripe, que empezará formalmente en outubro, senón unicamente que aquelas persoas citadas para inmunizarse contra a covid-19 e que así o desexen poderán recibir nun mesmo acto sanitario as dúas inxeccións.

Con menos de 1.400 casos activos, a pandemia xa non é unha ameza para a saúde pública, pero segue sendo necesario protexer os máis vulnerables. A cuarta dose está aprobada para maiores de 60. En principio, segundo os expertos inmunólogos que asesoran as administracións, xa non será necesario volver revacinar as persoas máis novas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade