Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza a campaña de resinado dos piñeiros en Baroña

Comeza a campaña de resinado dos piñeiros en Baroña

A comunidade de montes prevé extraer este ano arredor de 50 toneladas de resina, que venden integramente a unha fábrica en Segovia

G24.gal 24/04/2023 15:08 Última actualización 24/04/2023 16:07

A cuadrilla de resinado de Baroña volve ao traballo. Diríxeos Dalia Sendón, a primeira muller resineira de Galicia, que xa ten fixados os obxectivos de extracción para este ano.

"Quero poñer unha meta de abrir un mínimo de 16.000 piñeiros este ano", di.

A unha media de tres quilos de resina por piñeiro, calcula que poderán chegar facilmente ás 50 toneladas este ano. 

O proceso de extracción faise sen danar a madeira, e en tres operacións. A primeira é a 'desroña' coa que levantan a cortiza da árbore. Logo cravan a quenlla pola que vai fluír a resina e colocan o pote para recollela. E despois fan a pica, un corte para que a árbore comece a producir.

Polos cálculos de Daniel Ares, resineiro da comunidade de montes, cada operario fai arredor de oitocentas picas ao día, e atende unhas 5.000 árbores por campaña.

"Hai máis de 20.000 piñeiros que se poden resinar -explica- así que con máis xente poderíase aproveitar máis".

Potencial hai, pero falta man de obra para aproveitalo. A comunidade de montes organiza cursos cada ano para ver se espertan vocacións: así conseguiron fichar a Rubén, que se estrea nesta campaña. 

"Viñeron os compañeiros de Segovia darnos o curso, empezamos a practicar e a verdade é que me gustou moito" conta Rubén Sánchez. "Estou feliz de traballar no monte, e é unha oportunidade laboral moi boa", engade. 


A resina xera catro postos de traballo neste monte, e xa é un dos principais ingresos da comunidade. O prezo subiu na pandemia porque faltou produción, pero este ano recupera a normalidade e pagaranlles o quilo a arredor de 1,10 euros. 

"Nós mandámolo en bidóns para Segovia" explica Dalia. "Alí trátase e úsase para moitas cousas cotiás: maquillaxes, desodorizantes, colas, medicamentos, etc".


A campaña estenderase ata despois do outono nesta comunidade de montes, que é xa a maior produtora de resina de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade