Coa calor aumenta a demanda de xeo e de bebidas refrescantes na hostalería
O persoal de repartición de cervexa non para estes días, mentres o do viño tinto non ten tanta demanda
Locais climatizados e terrazas á sombra ou con sensación de fresco son os lugares máis concorridos en días de tanta calor na hostalería. Predomina a demanda de comida lixeira e, en bebidas, o xeo ocupa espazo importante tamén entre as quentes.
"O café sae máis ou menos na mesma medida, pero engadindo o de "con xeo". Hai moito máis pedido con xeo. Tanto no café coma noutras bebidas, evidentemente", di José Carlos Neira Fernández, xerente do bar Melide no barrio de San Lázaro.
E mentres, a apertura das xeaderías en Compostela mantense limitada á tarde en moitos casos. Venden máis para consumir na casa, pero as vendas a viandantes non medran na mesma proporción porque non hai tanto paseante.
E tamén hai incidencia negativa: no negocio de Brígida. Xusto estes dous días tivo que deixar de facer e vender xeados debido a tanta calor que avariou o sistema de climatización do local.
Brígida Hermida Ferro, propietaria e xerente de Xearte Brigitte, explica: "Por unha cuestión de maquinaria e calidade do produto decidín que era mellor pechar e non dar ese servizo para non derramar o produto e, sobre todo, para que non se avaríen as máquinas. Á calor que elas mesmas xeran engádese a ambiental, e os motores funcionan ser parar e non soportan tanto seguido".
Mentres o persoal de repartición de cervexa, auga e outras bebidas refrescantes anda que non para, o do viño non ten tanta demanda.
Santi Pais Domínguez, repartidor de Distribución Galaica di: "Esta semana, un pouquiño frouxa. Debe ser que a xente só vai ás bebidas máis refrescantes e non aos viños. Ao mellor, os brancos son os que máis tiran, porque o tinto agora mesmo non sae moito. A verdade".
Así e todo, non se libran do esforzo engadido que supón no seu traballo a caloraza destes días. O mesmo opina José Carlos, que fixo un alto á fronte da cafeteira para atendernos.
"Moita calor, moito bochorno. A cafeteira evidentemente, transmite moita calor e pasa máis que no inverno, claro. E que fas para compensalo? Refrescarse. Non hai outra. Beber moito", conclúe o barista e dono do Melide.