Publicador de contidos

Publicador de contidos

Claves da reforma da Lei do xogo aprobada hoxe no Senado

Claves da reforma da Lei do xogo aprobada hoxe no Senado

A publicidade dos operadores de xogo deberase facer baixo o principio de "responsabilidade social"

O Goberno poñerá en marcha un Rexistro Xeral de Interdiccións de Acceso ao Xogo, é dicir, de restricións de acceso ao xogo

Coa reforma ademais modificarase a Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, para que as sancións se poidan adecuar á capacidade económica da empresa infractora

G24.gal 26/10/2022 12:46

O pleno do Senado aprobou a reforma da Lei do xogo por 146 votos a favor e 113 abstencións. Foron rexeitadas as 22 emendas que permanecían vivas e que se debateron esta mañá.

A nova lei, que será publicada en breve polo BOE, reforza o control sobre a manipulación de competicións deportivas e a fraude de apostas, a través do Servizo de Investigación Global do Mercado de Apostas (Sigma), e amplía a protección dos xogadores en risco.

Claves da reforma

Algunha das claves da reforma da Lei do xogo son:

1- Trata de formalizar con rango de lei  o Servizo de Investigación Global do Mercado de Apostas (Sigma), no que se almacenarán por un tempo máximo dun ano os datos de persoas que poidan incorrer nalgún tipo de comportamento ou posible fraude vinculados á competición. Este é un instrumento técnico, xestionado pola Dirección Xeral de Ordenación do Xogo (DGOX). 

A esta rede de cooperación interactiva e accesible por vía telemática poderanse adherir todas as entidades interesadas en erradicar a fraude e a manipulación das competicións deportivas: o Consello Superior de Deportes, as federacións deportivas, as ligas profesionais, os operadores do xogo e as forzas de seguridade do Estado e autonómicas.

2- A publicidade dos operadores de xogo deberase facer baixo o principio de "responsabilidade social". 

Queda prohibida a publicidade que:

   -Incite a actitudes ou comportamentos antisociais ou violentos de calquera tipo, discriminatorios por razóns de nacemento, orixe racial ou étnica, sexo, relixión, opinión ou convicción, idade, discapacidade, orientación sexual, identidade de xénero, enfermidade, ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

   -Incite a actitudes ou comportamentos humillantes, denigrante ou vexatorios e as que relacionen de forma positiva ou atractiva as actividades de xogo con actividades ou condutas ilícitas ou prexudiciais para a saúde pública.

   -A que dea lugar a danos económicos, sociais ou emocionais, desacredite as persoas que non xogan ou outorgue unha superioridade social a aquelas que xogan, suxira que o xogo pode mellorar as habilidades persoais ou o recoñecemento social ou inclúa contido sexual e vincule o xogo á sedución, o éxito sexual ou o incremento do atractivo.

   - A que presente o xogo como indispensable, prioritario ou importante na vida.

3- O Goberno poñerá en marcha un Rexistro Xeral de Interdiccións de Acceso ao Xogo (rexistro de prohibidos) e instará as autoridades autonómicas a que interconexionen a información dos seus correspondentes rexistros.

4- O Goberno establecerá unhas directrices no ámbito dixital para o uso máis seguro e responsable dos "activos dixitais non funxibles", é dicir, as caixas 'botín' ou mecánicas de monetización dos usuarios de videoxogos. Os 'botíns' recíbense a cambio dun pago con moeda virtual do videoxogo ao superar retos, aínda que tamén, se non se quere esperar a conseguila pódese obter con diñeiro real.

5- Coa reforma ademais modificarase a Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, que xa se reformou hai sete meses, para que as sancións que se impoñan se poidan adecuar á capacidade económica da empresa infractora, sendo estas efectivas e disuasorias.

As infraccións poderán ser de leves (entre 150 e 10.000 euros), graves (entre 10.001 e 100.000) ata as moi graves (de 100.001 a 1.000.000 euros), nas que contempla o peche temporal de establecementos, instalacións ou servizos por un prazo máximo de cinco anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade