Publicador de contidos

Publicador de contidos

Citación extraordinaria para vacinar contra a gripe a poboación de 60 a 69 anos

Citación extraordinaria para vacinar contra a gripe a poboación de 60 a 69 anos

O Sergas vailles enviar unha mensaxe para que vaian vacinarse nos centros hospitalarios a vindeira fin de semana

O obxectivo da medida é diminuír a incidencia da gripe na poboación galega ante o adianto do andazo

Unha sanitaria prepara un vial. Alejandro Martínez Vélez/Europa Press Unha sanitaria prepara un vial. Alejandro Martínez Vélez/Europa Press
G24.gal 23/11/2025 12:58 Última actualización 23/11/2025 13:30

A Xunta pon en marcha a vindeira fin de semana unha campaña extraordinaria de vacinación fronte á gripe nos hospitais galegos dirixida ás persoas con idades comprendidas entre os 60 e os 69 anos que aínda non recibiron cita.

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, enviará un SMS para que estas persoas poidan vacinarse fronte a un virus que, na presente campaña, está a adiantar a súa vaga pandémica.

Deste xeito, durante os días 29 e 30 de novembro, sábado e domingo, os sete hospitais de cabeceira do Servizo Galego de Saúde facilitarán a vacinación en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

Pola súa banda, os hospitais comarcais reforzarán a campaña de vacinación que se está a levar a cabo nos centros de atención primaria, administrándoa durante a xornada do sábado 29 de novembro.

Taxa de cobertura

Ata o de agora, Galicia conta con máis do 75% das persoas maiores de 80 anos vacinadas fronte á gripe, unha taxa de cobertura que se sitúa ao redor do 60% no caso das persoas con idades comprendidas entre os 70 e 79 anos.

A Xunta convida a todas as persoas a vacinarse fronte á gripe e á covid-19 co obxectivo de previr a aparición de enfermidades e minorar a súa incidencia na poboación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade