Cinco incendios activos en Ourense superan xa as 10.000 hectáreas ardidas
Só no concello de Chandrexa de Queixa levan queimadas nos últimos días máis de 6.000 hectáreas en dous incendios
O lume non deu tregua durante toda a noite, con varios desaloxos e confinamentos
Os tres bombeiros feridos en Oímbra ingresan na unidade de queimados do CHUAC
Levantan o confinamento dos nenos que pasaron a noite na estación de Manzaneda e os anciáns evacuados da Mezquita agardan regresar hoxe á súa residencia
Os cinco incendios que nestes momentos permanecen activos na provincia de Ourense superan xa as 10.000 hectáreas queimadas, segundo o último balance realizado por Medio Rural. A provincia ourensá é a que está a levar a peor parte desta vaga de incendios e permanece toda ela en situación 2 de emerxencia.
Como consecuencia dos incendios a Autovía das Rías Baixa (A-52) permanece cortada entre os quilómetros 128,5, na Gudiña, e o 106, en Lubián, xa na provincia de Zamora.
O maior dos incendios activos, e o maior de todo o verán en Galicia, é o de Chandrexa de Queixa, que se iniciou na parroquia de Requeixo o venres da semana pasada, e que afecta unhas 4.500 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 15 técnicos, 58 axentes, 95 brigadas, 51 motobombas, 10 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 13 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da UME.
Tamén no concello de Chandrexa, outro incendio arde desde onte, cando se iniciou na parroquia de Parafita, e que xa saltou ao concello lindeiro de Manzaneda. Queimou ata o momento 1.500 hectáreas, 1.000 delas nas últimas horas.
Na extinción deste incendio mobilizáronse, ata o momento, 4 técnicos, 14 axentes, 17 brigadas, 10 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 4 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da UME.
O incendio iniciado na madrugada do luns ao martes en Maceda, na parroquia de Santiso, queimou xa unhas 1.700 hectáreas, parte delas no municipio de Montederramo.
Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 4 técnicos, 25 axentes, 34 brigadas, 18 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 8 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Tamén incrementaron notablemente a extensión da superficie queimada o incendio que prendeu este martes na parroquia da Granxa, en Oímbra, e que saltou ao de Monterrei, e que xa chegou ás 1.500 hectáreas ardidas, cando esta mañá apenas eran 200.
E no da Mezquita, que se iniciou onte á mañá na parroquia de Esculqueira, pasou en poucas horas de rexistrar 100 hectáreas queimadas a 1.000.
Fóra da provincia de Ourense tamén segue activo o incendio declarado na parroquia do Castro, en Dozón, que fixo necesario declarar a situación 2 por proximidade do lume ás vivendas, e que xa supera as 300 hectáreas queimadas. A situación 2 desactivouse este mediodía.
Mentres tanto, Medio Rural deu por estabilizados os incendios declarados na parroquia de Seixalbo, en Ourense, (100 ha), o iniciado na parroquia de Castro de Escuado, en Maceda (450 ha), o de Mormentelos, en Vilariño de Conso (180 ha), o de Paredes, en Montederramo (120 ha), o de Moialde, en Vilardevós (40 ha), e o rexistrado na parroquia de Santalla, en Samos, (200 ha).
Outros incendios que se produciron nos últimos días danse agora por controlados, como o de Monteseiro, na Fonsagrada, o de Souto, na Estrada, e o de Mourazos, en Verín.
No que vai de verán xa arderon en Galicia máis de 13.000 hectáreas a causa dos incendios.