Os 47 anciáns evacuados na Mezquita prevén regresar á súa residencia
Todos están en bo estado de saúde e farán a viaxe de regreso en ambulancias, do mesmo xeito que este martes fixeron o traslado
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitounos esta mañá no centro da Arnoia no que foron realoxados
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, indicou este mércores que a Xunta de Galicia prevé que regresen esta mesma tarde os corenta e sete anciáns que onte foron evacuados da residencia do concello da Mezquita pola proximidade de varios incendios forestais.
García visitou esta mañá as instalacións do centro residencial da Arnoia, tamén na provincia de Ourense, onde foron recolocadas temporalmente estas persoas, despois de que onte o Goberno galego tomara esta decisión para previr incidencias por mor do lume ou o fume.
A titular de Política Social comprobou de primeira man que todas as persoas desprazadas están en bo estado de saúde.
Os usuarios da residencia da Mezquita foron trasladados ata A Arnoia en ambulancias, o mesmo tipo de vehículos que se empregará para o seu regreso.
Durante a visita, García indicou que a Xunta dispón de 220 prazas residenciais na provincia de Ourense para atender situacións de emerxencia como a vivida e tamén para dar servizo a "persoas maiores dependentes que estean nas súas casas e que teñan que ser desaloxadas de forma temporal".