Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cinco anos de prisión para unha empregada de banca de Monterroso por estafar 250.000 euros a familiares

Cinco anos de prisión para unha empregada de banca de Monterroso por estafar 250.000 euros a familiares

O acordo entre ambas as partes tivo en conta a atenuante do consumo de substancias estupefacientes e tamén as patoloxías psiquiátricas derivadas da adición que padece a acusada 

A muller terá que pagar en indemnizacións máis de 150.000 euros 

G24.gal 30/06/2026 15:18

Unha exaxente bancaria de Monterroso aceptou este martes cinco anos de prisión e varias multas tras declararse culpable de estafar 250.000 euros a catro familiares. A vista, fixada na Audiencia Provincial de Lugo, non chegará a celebrarse tras o acordo alcanzado polas partes.

En concreto, o acordo tivo en conta a concorrencia dunha circunstancia atenuante relacionada co consumo de substancias estupefacientes, concretamente cannabis, e as patoloxías psiquiátricas derivadas desa adicción.

Segundo se expuxo durante a vista, a muller padecía trastorno bipolar e depresión, unha situación que lle provocaba condutas compulsivas, entre elas compras reiteradas e incontroladas.

Actualmente atópase en tratamento de deshabituación, permanece en abstinencia e continúa baixo seguimento psiquiátrico especializado.

Estafou os seus 4 familiares entre o 2012 e o 2019

Segundo a acusación, a muller, que era axente dun banco na súa localidade, xestionou o diñeiro dos seus tíos e curmáns entre os anos 2012 e 2019. Nese tempo, como describe a Fiscalía, "finxindo realizar as súas funcións como axente", realizou presuntamente actuacións con activos e depósitos, manipulando contratos e documentos bancarios co obxectivo de lucrarse persoalmente.

Impútaselle o cobro de cheques e a solicitude de varios préstamos, entre outras accións, polas que os catro familiares que se querelaron reclamaban un total de 250.000 euros.

Como resultado da conformidade alcanzada, a acusada foi condenada a dous anos e seis meses de prisión por cada un dos delitos cometidos, alén de dúas multas de 1.600 euros. Así mesmo, deberá indemnizar ás vítimas con cantidades de 78.400, 65.920, 3.300 e 3.300 euros, respectivamente, que serán abonadas polo banco como responsable subsidiaria.

Suspéndese a pena de prisión 

A sentenza acordada contempla tamén a suspensión da execución da pena de prisión, unha medida adoptada ao carecer a condenada de antecedentes penais e debido á necesidade de que continúe co seu proceso terapéutico.

Durante un período de cinco anos non poderá cometer ningún novo delito e estará obrigada a manter o tratamento médico e psiquiátrico prescrito, sen posibilidade de abandonalo. En caso de incumprir estas condicións, podería perder o beneficio da suspensión e verse obrigada a ingresar en prisión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade