Chuvia de cores na Holi Life de Vigo, unha carreira na que triunfa o humor
Un total de 5.000 persoas participaron na competición que se celebrou en Samil
No percorrido mestúrase a diversión, a música e unha chuvia chea de colorido
Os arredores da praia de Samil tinguíronse completamente de cores para dar a benvida a unha nova edición da Holi life, unha carreira moi visual na que triunfa a diversión e o bo humor.
A competición regresa a Vigo despois de dous anos de ausencia por mor da pandemia. Son cinco quilómetros de percorrido nos que os participantes reciben unha chuvia de po de cores cada mil metros.
Aquí non hai tempos nin tampouco idade mínima. Nesta edición, inscribíronse un total de 5.000 persoas. Gaña o que mellor o pasa.
A carreira remata como comezou: cunha auténtica explosión de cores que a moitos, sobre todo á rapazada, lles sabe a pouco.