O sector turístico agarda un bo agosto en Galicia malia que rebaixa as expectativas
Os hoteis e os cámpings do Morrazo están ao 100 % esta fin de semana, e o Clúster prevé ocupacións en toda Galicia de entre o 75 e o 90 % en agosto
Constátase unha diminución xeneralizada no gasto en hostalería
O Morrazo é unha das bisbarras máis estimada polas persoas que escollen Galicia para pasar as vacacións. As súas praias salvaxes e agrestes de augas cristalinas son o gran reclamo desta zona sur de Galicia.
Aquí os poucos hoteis que hai teñen agosto case ao 100 %. É o caso do H4 Cangas, que acaba de abrir hai un mes e as previsións son boas ata setembro. Os cámpings tamén están cheos esta fin de semana. Na comarca hai tamén casas rurais e alugueiro turístico.
Tamén hai praias urbanas como Rodeira, máis accesibles e con máis servizos, mesmo desde este ano con camas balinesas. Malia esta imaxe de éxito que se repite en localidades como Baiona, Sanxenxo ou a Illa de Arousa, representantes do sector amósanse cautos este ano.
O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, manexa previsións para agosto que van desde o 75 % de ocupación ata o 90 %.
Non desbotan que medren as pernoitas polas ganas de saír da poboación, pero están seguros de que o gasto en hostalería está diminuíndo mesmo na contratación de almorzos nos hoteis.