Ameixas e centolas protagonizan as subas das compras do Nadal
O marisco comeza a subir prezos diante da proximidade do Nadal
As ameixas soben un vinte por cento e as centolas uns quince euros o quilo
Coas celebracións do Nadal petando á porta, os prezos das compras nos mercados, coma deste da praza de Lugo na Coruña, comezan a súa tendencia alcista.
"Esta é unha semana de transición. A xente vén máis que nada a mirar prezos como van estar cara ás festas", comenta un dos praceiros.
Dependendo sempre da calidade e o tamaño do produto, o percebe e o camarón protagonizan os valores premium de todos os anos, con cifras de ata 120 euros o quilo nalgúns postos para o percebe, e con variedade para o camarón.
"Nós traballamos hoxe cun bo camarón que parte dos 80 euros ata os 98 e105 euros", comenta unha das peixeiras da praza coruñesa.
A consabida cigala mantense estable, entre 45 e 75 euros o quilo, mais a sorpresa na cotización recae en dous produtos moi demandados: un deles a centola.
"Os prezos é verdade que non subiron tanto coma o ano pasado agás en dous produtos: a centola e a ameixa. O resto estase mantendo coma outros anos", contan dende a praza de abastos herculina.
O outro produto que tamén subiu foi a ameixa, que na variedade babosa incrementou o seu prezo nun vinte por cento e xa está nos 48 euros.
O temporal non está axudando tampouco a conter o prezo do peixe, co peixe sapo a 17 euros o quilo, polo que moitos compradores xa veñen preparados para conxelar.
"Son poucos días de conxelado e non lle afecta moito, e a xente está vindo con esa idea", comenta un praceiro.
Os valores refuxio como o bacallau tamén apertan, a uns 20 euros, e a tenreira para asar sitúase nos 17. Cada vez queda menos tempo para atopar oportunidades e é que a tómbola de prezos do Nadal xa está en marcha.