Chega a Santiago a primeira peza esencial do acelerador de protóns contra o cancro
Permitirá poñer en marcha no hospital clínico o primeiro centro de protonterapia da sanidade pública española
Administra radiación sobre tumores sólidos sen danar tecidos sans e minimizando os efectos secundarios
Un dos compoñentes esenciais do acelerador de protóns para poñer en marcha en Galicia o primeiro centro de protonterapia da sanidade pública española xa está en Santiago.
Este venres chegou ao porto de Vigo e logo foi trasladado nun vehículo especial ata o hospital clínico universitario compostelán. De 25 toneladas de peso, é preciso para o equilibrio do brazo xiratorio do equipo.
Segundo informa o Goberno da Xunta, nos vindeiros días recibirán o resto de pezas do sistema e logo programarase a súa instalación que, subliña, é un proceso complexo.
O Proteus One, financiado pola Fundación Amancio Ortega, é un dos equipamentos tecnolóxicos máis avanzado e precisos no tratamento do cancro que actúa cunha precisión submilimétrica sobre tumores sólidos localizados preto de órganos críticos do corpo.
Esta técnica permite administrar radiación directamente sobre a zona danada evitando os tecidos sans máis próximos e minimizando os efectos secundarios.
O Executivo autonómico prevé poder tratar con esta técnica os primeiros pacientes oncolóxicos, procedentes de Galicia, Castela e León, Asturias e o norte de Portugal, a finais do vindeiro ano.
A infraestrutura está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027. A Xunta está a investir case 20 millóns de euros na execución das obras do centro que contará con equipamento achegado pola Fundación Amancio Ortega.