Chamada á hostalería lucense para que ofreza tapas durante o Arde Lucus
O Concello de Lugo e Aphel pídenlles aos hostaleiros un maior esforzo para manter as tradicionais tapas
Algúns establecementos sempre as ofrecen; outros non poden asumilo e preparan petiscos
A hostalería lucense prepárase para afrontar unha das fins de semana con maior actividade do ano co arranque hoxe do Arde Lucus.
Son días de intensa actividade o que supón un reto engadido poder ofrecer as súas tradicionais tapas. O Concello de Lugo e a asociación provincial de empresarios de hostalería pídelle ao sector un maior esforzo para mantelas, pero hai negocios nos que se fai complicado, como o que rexenta Desiré García, na praza do Campo. "Aquí, sendo restaurante, é case imposible". Teñen duascentas reservas entre a terraza e o comedor. Así e todo, "é probable que teñamos algún petisco frío, pero algo máis elaborado vaise de control".
"Levo vinte e sete anos e aquí sempre demos petiscos".
Noutro tipo de establecementos, como bares ou tascas, teñen previsto manter as tapas, como o que rexenta Isabel García na rúa da Cruz. "Coa consumición a súa tapa, non imos variar nada, porque entendo que a xente que vén tamén quere gozar da tapa e non só da bebida". Eduardo Ceprián tamén as manterá no seu negocio do Campo Castelo, agás o sábado, pero garante petiscos como empanada, tortilla ou empanadillas, como leva facendo dende hai vinte e sete anos.
"En Lugo non poden faltar as tapas porque son algo característico que debemos manter".
As persoas consumidoras son as primeiras que queren que non falte o acompañamento coa consumición, pero amósanse comprensivas. "A min paréceme ben que non haxa tapas, que haxa petiscos". Recoñecendo o esforzo que fai o sector en días como o Arde Lucus hai quen sostén que en Lugo non poden faltar as tapas porque son algo característico que debemos manter".