Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lugo prepárase para celebrar o Arde Lucus

Lugo prepárase para celebrar o Arde Lucus

A festa que recrea os tempos da fundación da cidade celebrarase entre o 12 e o 15 de xuño

As asociacións que participan na festa comezaron a montar os campamentos
Félix Aragunde. Imaxe: Afonso García Novoa. 03/06/2025 14:19

Comezou en Lugo a montaxe dos campamentos do Arde Lucus, a festa que a semana vindeira recreará os tempos da fundación da cidade. Ata unha vintena de asociacións ocúpanse destes labores, sobre todo cara á fin de semana.

"Entre o sábado e o domingo vai estar todo montado como vai estar durante toda a festa", apunta Manuel Buján, do Senado de Lugo. 

"O campamento témolo xa a medio montar, que empezamos xa a fin de semana pasada. E continuaremos esta semana ata que empece o Arde Lucus", engade Ángel Rouco, das Trebas Galaicas. 

"O sábado e o domingo estaremos montando no parque de Rosalía, onde temos a castra", di, pola súa banda, Víctor Rodríguez Ferreiro, do Clan de Breogán. 

"Estamos montando rapidiño para ter listo o campamento para as visitas escolares", conclúe Eduardo Fernández Abel, da Cohors III Lucensium.

Traballo arreo é o que teñen tamén nas tendas de traxes e complementos tanto de galaicos como de romanos. Contan con mercadorías para todos os petos, incluídas as pezas de artesanía.

"Abrimos só un mes e meu home fai as cousas durante todo o ano para vender este mes complementos e traxes, tanto de celta como de romano", sinala a comerciante Elena Ferreiro. 

"A artesanía que facemos para o Arde Lucus gústame moito, porque despois vexo a clientela e van todos guapísimos", expresa a artesá Queka Alonso. 

Tocante á ocupación prevista, os hoteis xa colgaron o cartel de completo tanto para o venres coma para o sábado.

"A verdade é que xa hai tempo. Se cadra hai dous meses que xa non quedan cuartos. Si quedan para as noites do xoves e do domingo", explica Alba Álvarez, directora dun hotel do centro da cidade. 

"Temos 40 dormitorios aquí, con todo cheo. Un grupo de portugueses vén todos os anos, que repite. E de momento temos todo ao cen por cento", sinala a hostaleira María Rodríguez. 

Con máis de 300 actividades programadas, a Festa do Arde Lucus, declarada de interese turístico internacional, celebrarase entre os días 12 e 15 de xuño.

Ritual galaico exhibido nunha edición anterior da festa Ritual galaico exhibido nunha edición anterior da festa
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade