Publicador de contidos

Publicador de contidos

O reality 'Pesca total', da TVG, recolle o premio europeo Celtic Media Festival 2025

O reality 'Pesca total', da TVG, recolle o premio europeo Celtic Media Festival 2025

É a segunda vez en 40 anos que un programa de non ficción da TVG acada un premio internacional

Os galardóns entréganse en Cornualla, onde esta semana está a celebrarse a 46 edición do certame

O programa gravouse na ría de Pontevedra, a bordo do barco Praia de Sanxenxo

Xunto aos tres directivos de CRTVG, Fernando Ojea, Montse Besada e Natalia Penas, atópanse Esther González e Iago Veloso, da produtora Outro Xunto aos tres directivos de CRTVG, Fernando Ojea, Montse Besada e Natalia Penas, atópanse Esther González e Iago Veloso, da produtora Outro
G24.gal 05/06/2025 08:17

A produción da Televisión de Galicia Pesca total foi galardoada este mércores co premio do Celtic Media Festival na categoría de Factual Entertainment (entretemento baseado en feitos reais), no transcurso dunha gala celebrada en Newquay, Cornualla (Reino Unido), onde esta semana ten lugar o festival.

Pesca total é un reality en que seis concursantes compiten por converterse en mariñeiros a bordo do barco Praia de Sanxenxo. Emitido xa na TVG, Pesca total competía con catro proxectos finalistas da BBC, un da canle irlandesa TG4 e outro da televisión de Gales S4C.

Esta é a segunda vez nos 40 anos de vida da canle pública que un programa de TVG de non ficción recibe un premio internacional, despois do acadado polo informativo de humor Malicia noticias en 2022. Neste foro profesional europeo recoñécense cada ano os mellores traballos do sector en televisión, radio e novos medios dos países celtas.

Este xoves coñeceranse novas distincións

Este xoves haberá unha nova gala de entrega de premios. Desvelaranse máis galardóns, aos que optan as películas As Neves e Xustiza artificial (na categoría Single Drama, ou filme dramático). Na categoría de Drama Series, a CRTVG compite tamén con Na Gloria, comedia que combina retranca, costumismo surrealista e humor absurdo. A CRTVG conta tamén con outros nomeamentos. Destaca no medio radiofónico Kiko Novoa como candidato a Presentador do Ano e a Radio Galega opta ao recoñecemento como Mellor Estación de Radio.

No apartado Factual Series, competirán dúas producións da TVG: Os ríos da vida, unha serie que percorre os cursos fluviais galegos explorando as historias que agochan, e Curando o mundo, un seguimento do cirurxián Diego González Rivas na súa misión de ensinar polo mundo a súa innovadora técnica de cirurxía pulmonar minimamente invasora.

Outras candidaturas son as de Recollendo músicas (Arte), unha serie que explora a pegada da música tradicional galega nas composicións actuais, e Raíña-me (na categoría de Short Form), espazo en que a artista Alexa Evans axuda a transformar a estética de persoas que queren converterse en auténticas drag queens.

O Celtic Media Festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 46 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualla e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos no ámbito internacional, e nela a Corporación establece sinerxías con televisións internacionais europeas que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns.

As producións da TVG compiten cada ano con canles como a británica BBC, as irlandesas RTE e TG4, a galesa S4C, a escocesa MG Alba ou a bretoa FR3. Entre as producións que optan aos galardóns, atópanse ficcións, documentais, programas de entretemento e proxectos radiofónicos que reflicten a diversidade e a calidade da programación da CRTVG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade