A piques de rematar a campaña da centola, con resultados satisfactorios para o sector
A confraría do Grove alcanza os 70.000 quilos comercializados desde o inicio da campaña, a primeiros de novembro, cando quedan poucos días para que esta especie entre en veda ata novembro
Ante a confraría do Grove amósannos dous dos últimos exemplares de centola desta campaña.
"Son dos últimos que pouco queda para que entren en veda. E temos aquí unha femia e mais un macho que xa son artistas por saír na televisión".
Antonio Otero, directivo da confraría do Grove, todo un referente tratándose de centola e centolo, falábanos dos quilos comercializados a 11 de xuño nesta campaña iniciada en novembro.
"Os datos que tiñamos onte, andabamos preto dos 70.000. Este ano imos un pouquiño por riba en prezo que o ano pasado", di Otero, e engade que "aquí o prezo máximo anda en trinta euros e nós temos o prezo de peche en doce euros, que desde que se abre a campaña é o prezo de retirada para que non chegue a cero. Xa non chega a doce. Os últimos andaron en quince ou así. A femia sempre cotiza máis que o macho, pero, ben, a maioría dos de aquí somos de macho, eh".
E no mercado de Pontevedra Margarita ofrecía esta mañá varias centolas.
"Sae moi, moi boa. Aínda agora a femia está a saír con coral, que é rarísimo neste tempo. Hai este tamaño que está sobre trinta e cinco euros o quilo, e logo estoutra máis pequena, sobre 25 ou 28 euros o quilo, tamén femia. Porque o macho no carro xa non está tan cheo, polo que traballamos máis ben a femia", explica a peixeira.
Antes de que acabe xuño empeza a veda. O marisqueo desta especie volverá en novembro coa esperanza dos e das profesionais de que polo menos iguale a actual campaña.
"O colectivo está contento. Pódese dicir que o da centola é dos poucos recursos que están sans. Non hai baixada nin en quilos nin en cartos", conclúe o vicepatrón do Grove.