A Xunta avaliará co sector recorrer a sentenza que avala a veda da pesca de fondo
A conselleira do Mar admite a "decepción" da Xunta: "Tentaremos ver as posibles opcións de recursos"

A Xunta avaliará co sector posibles "opcións de recurso" tras o ditame que avala a veda da pesca de fondo. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, admitiu a "decepción" na Xunta tras a sentenza que avala as 87 áreas de veda a este tipo de arte.
"Esperabamos que puidese corrixir unhas decisións que foron para nós equivocadas", sinalou en declaracións aos medios, con motivo da súa participación no III Foro Azul Mar de Mares.
Tamén explicou que están a estudar "con profundidade" todos os termos da sentenza e insistiu en que o Executivo galego está "da man" co sector pesqueiro afectado e en contacto con el.
"Tentaremos ver as posibles opcións de recursos, de resposta para tentar reverter os efectos negativos que, a priori, parece ter esta sentenza recibida onte". Unha resolución, apunta a conselleira, que "se basea en cuestións ambientais".
"A política pesqueira común di que as decisións institucionais deben estar tomadas en informes ambientais, económicos e sociais, consideramos que non se está tendo en conta a parte social e económica da pesca, é o que nós pelexamos, que se teñan en conta as tres patas que velan pola sustentabilidade do noso sector pesqueiro, que é un sector estratéxico para Galicia", engadiu.