Catorce equipos compiten en Friol esta fin de semana nas Olimpíadas Rurais
É a segunda edición dun evento no que os participantes disputan probas baseadas en xogos tradicionais como a comba, a cucaña, os zancos ou a chave
A cita serve para demostrar o dinamismo social e deportivo que hai en pobos do medio rural
Friol acolle esta fin de semana as olimpíadas rurais, un evento que reivindica os xogos populares. Manifesta o alcalde que o reto para esta segunda edición é "continuar coa promoción dos xogos populares que tan importantes foron no noso territorio hai anos e facer vida social"
Hai ata catorce modalidades e son catorce tamén os equipos que as disputan. Explica o presidente da asociación deportiva Hércules, Thor López Arias, que "hai tiro de corda, comba, lanzamento de lastras e varias probas divertidas máis".
Algúns membro dos equipos participantes destacan que "son xogos de toda a vida e por iso me parecen divertidos", outros din que "estivemos un mes adestrando e creo que hai moito nivel", e tamén hai quen confesa que "vimos pasalo ben, divertido e a ver se gañamos".
Hai nivel competitivo, pero tamén un oco para a festa. As xornadas comezan cun almorzo colectivo con produtos locais e rematan con música. Polo medio son as competicións.