Catorce comunidades activan avisos por temperaturas extremas
Este domingo comeza unha vaga de calor que, segundo a Aemet, se vai prolongar ata o martes
Un home refréscase ás portas da Mesquita de Córdoba. EFE/Salas
Catorce comunidades activaron este domingo avisos por temperaturas extremas, con máximas previstas de ata 42 graos, no primeiro día dunha vaga de calor que se vai estender polo menos ata o vindeiro martes.
Hai perigo importante (nivel laranxa) en Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha, Cataluña, Estremadura, Galicia e Madrid. Ademais, Asturias, Baleares, Castela e León, Navarra, o País Vasco, A Rioxa e Canarias permanecen en nivel amarelo.
Segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía, as temperaturas van ser moi altas, tanto as diúrnas como as nocturnas. Por iso, advirte a través das redes do perigo que supón para as persoas máis vulnerables.
O episodio de calor débese á instauración dunha dorsal anticiclónica e unha dina ao oeste da península, que unida á elevada insolación, á alta estabilidade e aos ventos frouxos está a favorecer a xeración dunha masa moi seca e moi cálida.
Con valores "moi pouco habituais", de acordo coa Aemet, o nivel de perigo de incendio aumenta de xeito xeneralizado, coa posibilidade de tormentas e de refachos fortes a partir do luns, ao que se une o déficit hídrico acumulado durante o mes pasado.