A vaga de calor deixa 42 graos de máxima en Ourense e Arnoia
A Xunta mantivo este domingo a alerta vermella por calor en 120 concellos
Nos municipios afectados suspendeuse a actividade deportiva federada no exterior
As temperaturas máximas continúan en ascenso polo que a Xunta mantivo este domingo a alerta vermella en 120 concellos do interior das catro provincias e da montaña de Lugo e Ourense. Son 38 municipios menos ca este sábado.
Ademais, estableceu o nivel laranxa no suroeste da Coruña, no Miño ao seu paso por Ourense e Pontevedra e nos municipios das Rías Baixas.
No marco do Plan de Actuacións do Goberno autonómico fronte aos posibles efectos da calor sobre a saúde, activou o nivel amarelo en Valdeorras e no noroeste da Coruña e de Ourense.
Pola súa banda, a Secretaría Xeral para o Deporte determinou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior, de 12:00 a 20:00 horas, nas zonas afectadas pola alerta vermella, e a adaptación de horarios nas que se atopan en nivel laranxa.
Máximas de 42 graos
A Xunta recomenda controlar o tempo de exposición ao sol, beber auga aínda sen ter sede, cubrir os ollos e a cabeza e usar protector solar. Do mesmo xeito, aconsella consultar a información sobre o impacto da calor na saúde da consellería de Sanidade.
Os termómetros volveron superar os 42 graos en Ourense (42,5) e Arnoia (42,1), segundo os datos de Meteogalicia que activou o aviso vermello nestas zonas. Por riba dos 41 graos estiveron Salvaterra do Miño (41,5) e Leiro (41,3).
Consulta os concellos afectados
Efectos sobre a saúde
A exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareo, cansazo, debilidade, fatiga e cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpe de calor.
A maioría das enfermidades asociadas á calor son consecuencia, máis ou menos grave, dun fallo no sistema de termorregulación. A calor excesiva pode alterar as funcións vitais se o corpo humano non é capaz de compensar as súas variacións de temperatura.
Os principais grupos de risco son as persoas maiores de 65 anos e menores de 4 anos; as que padecen enfermidades cardiovasculares, diabetes mellitus, doenza pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, párkinson, alzhéimer ou patoloxías similares.