Catas, visitas guiadas e sendeirismo para achegarse ao mundo do viño
Primavera de portas abertas nas adegas das Rías Baixas
Entramos nesta adega do val do Salnés co grupo que se anotou para participar nas xornadas de portas abertas na ruta das rías baixas. Entre este venres e domingo están previstas unha ducia de actividades diferentes ao redor do viño.
"No noso caso, celebramos un evento, a visita ao Cambados de Ramón Cabanillas e Francisco Asorey, falando da historia do albariño a través destas importantes figuras de Cambados", explica Chloe Leonidou, responsable de enoturismo de Adegas Terra de Asorei.
Aquí nesta adega familiar que cultiva 50 hectáreas de viñedo, os visitantes reciben explicacións sobre o traballo e a cultura no val do Salnés.
"Darémolle a cata de tres viños. Dous viños do ano: 1953 Pazo Torrado e Nai e señora, inspirados na cultura de Cambados. Tamén unha das nosas elaboracións especiais Selección privada", detalla Chloe Leonidou, responsable de enoturismo de Adegas Terra de Asorei.
Algúns acoden por primeira vez a estas xornadas, pero outros repiten.
"Nós si, para os nosos amigos é a segunda". "Unha forma de pasar o día, coñecer sitios novos. E no noso caso é unha tradición porque vimos todos os anos, chega o mes de maio e hai que vir ás xornadas de portas abertas"."Moi interesante, a experiencia moi bonita, a adega preciosa e acompáñanos un día espectacular e o viño moi bo". "Gústanos moito, está fantástico pero gustarianos que fose durante máis tempo non só durante un mes, unha única visita é moi escasa", opinan varias persoas que participan neste evento.
A visita prolóngase coa cata noutra bodega e remata cunha viaxe en catamarán pola ría de Arousa.