Aumentan a cada minuto as vítimas dos sismos en Turquía e Siria
Aumentan a cada minuto as vítimas dos sismos en Turquía e Siria
O último balance é de case 8.500 mortos e preto de 40.000 feridos
Máis de 70 países envían axuda
Harun é un heroe, din os seus rescatadores, pola valentía que amosou nas case 24 horas que permaneceu baixo os cascallos na cidade turca de Jindires. Na localidade siria de Anfrin, un meniño é o único supervivente da familia. Cando o atoparon, aínda estaba unido á nai polo cordón umbilical.
Son dúas das 8.000 persoas que hoxe poden contalo despois de quedaren sepultadas polos tremores do luns.
Pero co paso das horas, estas imaxes van ir a menos: o frío reduce as posibilidades de supervivencia e tamén a falta de equipos de emerxencia, sobre todo na zona siria controlada pola oposición ao réxime de Damasco e nas rexións turcas máis remotas.
"Onde está o Estado?", laméntase un home, impotente para rescatar o irmán e o sobriño.
En Turquía, a rexión afectada equivale a catro veces o territorio galego. Nela viven trece millóns de persoas. O Goberno puxo en marcha un plan de evacuación masivo: case 400.000 persoas xa están aloxadas en instalacións turísticas e edificios oficiais.
O presidente Erdogan decretou o Estado de emerxencia durante tres meses nas dez provincias afectadas.
Xa están sobre o terreo os 91 bombeiros e militares enviados polo Goberno, ademais de dúas oenegués españolas. Tamén puxeron proa a Turquía os buques Juan Carlos I e Galicia con 500 infantes de Mariña para axudar no que faga falla.
Máis de 70 países xa están cooperando nas tarefas de rescate en territorio turco. A Siria só chegaron cinco avións: dous iraquís, un iraniano, un alxeriano e un ruso. O país, co 70 % das infraestruturas danadas polo conflito e co 90 % da poboación sumida na pobreza, afronta o desastre no peor dos escenarios.
Como resumía un damnificado: "O que non perdemos en dez anos de guerra, levouno o terremoto nun minuto".