Publicador de contidos

Publicador de contidos

Carneiros, ameixóns e cornichas: os descoñecidos que conquistan a restauración europea

Carneiros, ameixóns e cornichas: os descoñecidos que conquistan a restauración europea

Estes bivalvos son cada vez máis aprezados no mercado exterior

A empresa que os exporta desde Marín destaca o seu potencial gastronómico

G24.gal 25/10/2023 14:40

Saberían poñerlle nome a algúns mariscos? Estes parécense aos berberechos, pero son carneiros ou moelos e veñen das Cíes. Ao lado, ameixóns de Aguiño, de cuncha grande e encarnada. E por último, cornichas, unhas ameixas brancas que completan o grupo de descoñecidos que triunfan no exterior.

"Sabiamos que estaban aí pero poucos os probaban. Son especies súper ricas. O moelo, está á altura dunha ameixa fina cando se consome en cru, cociñado está máis duro. É riquísimo e antes a xente o tiraba de volta ao mar", explica José Luis Piñeiro, xefe de compras do Percebeiro, en Marín.

Seguen sendo accesibles, pero, a medida que se van coñecendo, van subindo de prezo porque non se mariscan grandes cantidades. Os pedidos destínanse a restaurantes de prestixio, onde lles sacan moito partido, sobre todo para consumo en cru.

"É un tipo de restauración media ou alta. Damos a coñecer o produto a restaurantes de Italia, Francia, Suecia e tamén en boa parte de España", engade José Luís.

E dentro das descoñecidas incluímos tamén as zamburiñas. Non porque a xente non as coma en Galicia, senón porque adoitan confundirse con voandeiras ou con vieiras do Pacífico.

"Está é a zamburiña galega por fóra e por dentro, se observades, non ten o nervio vermello nin laranxa como as outras".

Feitas as presentacións, só quedaría lanzarse a probar estes manxares, que, ademais, complementan a renda dos mariscadores en tempos difíciles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade