Publicador de contidos

Publicador de contidos

A confraría de Barallobre serve nas mesas da festa do marisco os seus mellores produtos

A confraría de Barallobre serve nas mesas da festa do marisco os seus mellores produtos

Ao longo da fin de semana degustáronse unhas 2.500 vieiras e uns 650 quilos de navallas, zamburiñas e ameixas

G24.gal 24/08/2025 14:57

Zamburiñas, vieiras, navallas ou ameixas. Todos os produtos que se degustan na festa do marisco de Barallobre saen dos bancos da ría de Ferrol. 

"O que fixemos é poñer uns prezos económicos: unha empanada de berberechos, 5 euros; unha paella con berberechos e ameixas, 10 euros; navallas, 10 euros; zamburiñas, o produto estrela da ría, 15 euros; ameixas, 15 euros; e ademais vieras, que é o que máis temos agora na ría", explica o patrón maior da confraría de Barallobre, Jorge López.

Na cociña traballaban arreo preparando as racións para os máis de mil comensais que esperan recibir no recinto da festa.

"Onte fixemos cinco paellas e acabáronse todas. Estamos empezando xa con elas. Levan berberecho, ameixa e mexillón", explica Juan Trastoy, responsable da cociña da Festa do Marisco de Barallobre.

A cociñeira Nair González fixo unha demostración de cociña en directo con produtos da ría de Ferrol. Preparou zamburiñas en escabeche e unha mousse de fabas con carneiro, unha especie con pouca demanda en Galicia pero moi cotizada en mercados internacionais, principalmente en Italia.

"Carneiros que fixemos con fabas para non quitarlle moito o sabor. Abrímolos ao vapor e botámoslles unha allada lixeira por riba para darlles un toque galego moi noso.", di a cociñeira.

"Probamos as zamburiñas, que están espectaculares, e agora o marolo, o carneiro, que está moi bo, sabe a ameixa e a berberecho". "Ten moita intensidade e moito sabor". "É a primeira vez que o probo, está moi bo". "Exquisito", comentan varios turistas.

Ao longo da fin de semana vanse degustar nesta festa do marisco de Barallobre dúas mil vieiras e uns 650 quilos de navallas, zamburiñas e ameixas. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade