Publicador de contidos

Caravana dos traballadores de Alcoa pola continuidade da factoría na Mariña

Caravana dos traballadores de Alcoa pola continuidade da factoría na Mariña

G24.gal 31/10/2021 17:04

Os traballadores de Alcoa volveron á rúa. Organizaron unha caravana de coches coa que quixeron visibilizar as súas reivindicacións, que pasan pola continuidade da produción de aluminio primario na comarca e, ao mesmo tempo, polo mantemento dos seus postos de traballo.

Ás once e media da mañá ducias de vehículos saían en caravana dende Viveiro e Ribadeo. O seu lema é "A Mariña sálvase loitando".

E agora fano coa forza que lles dá ter o apoio do Supremo, que confirmou esta semana a anulación do ERE que xa fixera o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, un expediente de regulación de emprego que supoñía o despedimento de 525 traballadores, e a destrución, como mínimo, doutros tantos postos de traballo directos das empresas auxiliares.

Convocounos o comité de Alcoa. Son incansables e con este percorrido transversal pola comarca queren esixir, unha vez máis, unha solución que garanta a produción na fábrica de aluminio primario da Mariña, algo que insisten debe facerse a través dunha intervención temporal mentres a fábrica non se venda a un investidor cun proxecto industrial sólido.
Ademais, agora, o encarecemento global das materias primas aprema para que haxa unha solución xa.

Á espera de novidades, e de que o Goberno mova ficha, os traballadores temen que a multinacional inicie un novo ERE.

 


 


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade