Publicador de contidos

Publicador de contidos

Capturado no Porriño un porco vietnamita que vivía na contorna da igrexa de San Salvador

Capturado no Porriño un porco vietnamita que vivía na contorna da igrexa de San Salvador

O exemplar, unha femia, foi trasladado ao centro de recuperación de fauna silvestre de Cotobade onde vai ser sacrificado ao tratarse dunha especie invasora 

Desde hai dúas semanas os veciños da zona lle daban alimento e non era raro velo polo aparcadoiro da igrexa de San Salvador 

TVG
G24.gal 15/05/2026 15:15

Despois de dúas semanas andando libremente polos campos da parroquia porriñesa de Budiño, o animal foi capturado este venres por axentes do Seprona e do Servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia para ser trasladado ao centro de recuperación de fauna silvestre de Cotobade.

Trátase dunha femia de porco vietnamita que alguén ceibou e que os propios veciños lle daban alimento.

Con todo, é unha especie invasora, cuxa tenza e cría está prohibida, e debe ser retirada do medio natural.

O cocho apareceu un bo día polas inmediacións da igrexa de San Salvador de Budiño. Atopou baixo esta árbore un bo lugar para acubillarse, con campo aberto por diante e o bosque tamén moi preto.

"Temos a idea de que o animal é dunha casa. Escapouse porque son moi aventureiros, o problema é que son crías", asegura José Carlos Eiras, xefe do Servizo de Axentes Medio Ambientais Distrito XVIII.

Este venres o asunto saíu na prensa e foi daquela cando os servizos de protección da natureza decidiron actuar.

"Non se lle pode dar comida porque é un animal salvaxe. Fastidia pero non se pode, está totalmente prohibido por lei", engade José Carlos Eiras. 

Presentáronse no lugar axentes do Seprona da Garda Civil e do Servizo de Medio Ambiente da Xunta. Coa axuda dun veterinario do centro de fauna de Cotobade durmiron o porco para trasladalo ata alí.

"O problema que temos con este animal é que o ser invasor as crías poden mesturarse con xabarís e porcos da casa, entón iso non pode ser. O importante e que teñamos animais propios, non importados" explica o xefe do Servizo de Axentes Medio Ambientais Distrito XVIII.

As especies invasoras deben ser retiradas do medio natural. O animal carece de chip de identificación. Descoñécese a súa procedencia, así que, segundo marca a lei nestes casos, a porca vai ser sacrificada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade