Ingresa no cárcere o autor do atraco na estación de servizo de Tui
Pouco antes das dúas da tarde a xuíza decretaba para el prisión, comunicada e sen fianza
Xa están activas as tpvs e os monitores dos ordenadores da gasolineira da parroquia tudense de Guillarei que este martes era obxecto dun atraco. Unha das testemuñas segue no seu posto de traballo. Porén, o trauma foi tan grande que outros dous empregados están de baixa por estrés postraumático. A dirección da empresa non sabe cando se poderán reincorporar.
Algúns foron apuntados cunha arma de fogo durante máis de dez minutos, tamén varios clientes, entre eles algún menor. Ademais de apuntar e golpear cun extintor a outro cliente, os presentes na gasolineira están convencidos de que a súa intención era disparar e senón o fixo foi porque a pistola se lle atascou en varias ocasións.
Non están certos de que o seu obxectivo real fose roubar porque estaba tan alterado que apenas se expresaba, tivo que ser estabilizado durante moitas horas no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Os responsables de estacións de servizo como esta 24 horas séntense moi vulnerables. E iso que xa tomaron medidas como que non haxa metálico nas caixas pola noite.
A xuíza de Tui decretou o ingreso do suposto autor dos feitos pouco antes das dúas da tarde deste xoves. Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia está investigado como autor dun roubo con violencia ou intimidación, ameazas, coaccións, lesións, danos, atentado, detención ilegal e tenza ilícita de armas.